Denuncia Adega

Xunta e Inditex da man cara a un novo ‘boom’ do eucalipto

Plantación de eucaliptos (Foto: Arxina)

A asociación ambientalista advirte do impacto do plan do Goberno e a multinacional: “queren elaborar roupa “sostíbel” a partir da viscosa ou pasta de celulosa que se obtén do eucalipto”.
 

Adega advirte: a Xunta vén de anunciar o seu apoio á multinacional Inditex para poñer en marcha unha fábrica de roupa “sostíbel” a partir de fibras téxtiles que substitúan as sintéticas, coa dotación de fondos europeos para a produción de viscosa. 

Para a asociación ambientalista este proxecto reincidiría “unha vez máis” no que considera “unha das maiores lacras ambientais” da Galiza: a eucaliptización dos montes galegos.

Segundo datos da Xunta, prosegue Adega, máis do 60% da madeira que se produce Galiza é eucalipto, unha especie que, “a pesar de estar cualificada como exótica e invasora polo Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica, xa supera a día de hoxe o medio millón de hectáreas ocupadas no noso territorio”.

Aínda así, indican a asociación, a Xunta “séguelle dando pulo e presentando a proliferación do monocultivo de eucalipto como liña “estratéxica” para o desenvolvemento futuro do país, alternativa para a saída da crise e, curiosamente, como instrumento de loita contra o cambio climático”.

Adega incide en que esta iniciativa de Inditex é presentada como o “proxecto estrela” da Xunta para a captación dos fondos europeos de recuperación ‘Next Generation’.

“O decidido apoio da Xunta á produción de viscosa xa revela unha clara vontade do Goberno de seguir apostando polo incremento da produción e, por tanto, da superficie plantada con eucalipto”, lamentan.

Todo apunta, sinala Adega, a que a intención do Goberno galego é a de “promover un novo boom do eucalipto”, ao que engade os “impactos ambientais” que implica a produción de viscosa, “xa que non é un proceso inocuo, pois precisa de procesos químicos altamente contaminantes e dunha inxente cantidade de auga”.

“Empresas amigas”

Ás expectativas de Inditex para coa viscosa de eucalipto, Adega suma os obxectivos das que cualifica como “empresas amigas do actual Goberno galego” ligadas ao sector forestal, como Greenalia ou Ence.