As solicitudes das prestacións deben resolverse en seis meses

A Xunta incumpre a recomendación do Tribunal de Contas sobre Dependencia

Sede do Tribunal de Contas, en Madrid (Foto: EuropaPress).
Na Galiza estanse a resolver as solicitudes nunha media de 310 días

O Tribunal de Contas denunciou esta terza feira o incumprimento por parte das comunidades autónomas da recomendación formulada en 2013 a respecto da resolución das solicitudes de prestacións por Dependencia. A pauta estabelecida sinala un prazo máximo de seis meses entre a data de entrada da solicitude e a de resolución de recoñecemento da prestación, como indica a propia Lei de Dependencia.

"Considérase incumprida a recomendación relativa á adopción de medidas para o cumprimento do prazo máximo legal para a resolución das prestacións derivadas da situación de dependencia, xa que, segundo resulta do novo sistema de información de Dependencia, a 31 de decembro de 2018, este prazo incrementouse no Estado até unha media de 383 días", apunta o Tribunal.

No caso da Galiza, o informe constata unha media de 184 días entre a data de solicitude e a resolución de grao e nivel no período analizado, e de 310 entre a data da solicitude e o recoñecemento definitivo da prestación.

Por iso, o organismo insta os Gobernos autonómicos a adoptaren medidas para dar un cumprimento efectivo ao devandito prazo establecido na lexislación vixente.

Pagamentos "indebidos"

Segundo o Tribunal, esta situación "provoca que as comunidades reciban pagamentos indebidos en concepto de nivel mínimo de protección e que poidan deixar de percibir fondos públicos respecto de quen, malia figuraren nos seus sistemas de información como beneficiarios de prestacións, non constaban no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SISAAD)".

Hogano persiste a "dificultade de cuantificar" as achegas efectuadas por cada Administración ao financiamento do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, ao non dispor nos seus orzamentos de gastos de aplicacións específicas destinadas ao rexistro de tales gastos.

Por outra banda, o Tribunal propón ao Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) "incrementar os procedementos de control interno implantados no SISAAD" para "reforzar o intercambio de información con outras bases de datos da Administración".

Deste modo, "evitaríase o elevado volume de pagamentos indebidos realizados pola Administración Xeral do Estado en concepto de nivel mínimo de protección e as distorsións na información estatística publicada".