Medio Ambiente

A Xunta inclúe as primeiras 400 zonas húmidas no Inventario que mantivo máis dunha década baleiro

As turbeiras do Suído son unha das zonas húmidas que pasan a formar parte do Inventario. (Foto: Nós Diario)
Para que un espazo natural poida ser declarado humidal protexido deberá estar previamente incluído no Inventario.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta segunda feira unha resolución pola que se inclúen 400 zonas húmidas no Inventario de zonas húmidas da Galiza. A visualización e descarga da cartografía dixital do inventario pode efectuarse a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio, nesta ligazón.

Co inventario perséguese estandarizar e organizar toda a información dispoñíbel relativa ás zonas húmidas presentes no territorio galego, tanto xeral como territorializada. O que se busca tamén é dispor dunha base de referencia e proporcionar unha ferramenta para a planificación e xestión do patrimonio natural.

A inclusión destas primeiras 400 zonas húmidas avanzáraa a finais de xaneiro a conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita á lagoa de San Pedro de Muro, en Porto do Son, un deses espazos que agora pasan a engrosar o Inventario e que suman en conxunto 43.000 hectáreas.

Porén, durante tres lustros o Goberno galego deixou baleiro este rexistro creado perante decreto en 2008 co obxectivo de catalogar "aqueles sistemas naturais, seminaturais ou artificiais que poidan ser adscritos a algún dos tipos estabelecidos na clasificación de humidais do Convenio de Ramsar e cuxo interese ambiental poida ser corroborado con calquera dos sistemas homologados internacionalmente".

A propia conselleira admitira naquela visita que "a finalidade é protexer e destacar o importante papel que xogan estes espazos desde o punto de vista do coidado e da protección da biodiversidade". De feito, o artigo 6.1 do citado decreto dispón que "para que un humidal poida ser declarado humidal protexido deberá estar previamente incluído no Inventario".

Estas 400 zonas húmidas son só unha cativa porción dos "máis de 1.100" espazos naturais destas características, cunha superficie total superior a 70.000 hectáreas, que cifraba o informe Conservación e Xestión de Humidais en Galicia editado polo Ibader en 2017.

"O número de espazos declarados como humidais importancia internacional queda reducido a cinco espazos —seis tras a inclusión do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ao abeiro do Convenio de Ramsar—. A porcentaxe resulta moi inferior en relación con outras comunidades autónomas e con outros territorios da Unión Europea", advertían daquela os autores deste estudo, Pablo Ramil-Rego, Luis Gómez-Orellana e Javier Ferreiro da Costa.