A Xunta impón as restricións máximas pola Covid-19 en seis concellos

O municipio de Sanxenxo, que queda en nivel medio, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
As restricións de mobilidade, entre outras, serán as máis elevadas en Pontecesures, Vilardevós, Paradela, Boborás, A Mezquita e A Pobra do Brollón. Esta cuarta feira Galiza e o resto de territorios negociarán co Ministerio de Sanidade as limitacións para a Semana Santa.

A nova reunión da Xunta co comité clínico que asesora sobre as medidas a tomar para controlar a evolución dos contaxios da Covid-19 rematou esta terza feira coa decisión de que seis concellos pasen a estar rexidos polo nivel máximo de restricións a partir desta sexta feira día 12 ás 00:00 horas.

En concreto, cambiará a situación en Paradela, Boborás, A Mezquita, A Pobra de Brollón, Vilardevós e Pontecesures. A incorporación ao máximo nivel implicará prohibicións respecto da mobilidade fóra dos municipios, mais tamén malas novas para sectores como a hostalaría. Os negocios non poderán atender á clientela salvo para a recollida de comida ou o servizo a domicilio.

Igualmente, non se permitirán as reunións entre persoas que non convivan.

Así o anunciou a Consellaría de Sanidade a última hora desta xornada ao remate do encontro. Así mesmo, explicou que as localidades de Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Mos, Cambados, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado, ficarán na alerta alta polos contaxios da poboación.

Polo de agora as e os expertos deixarán que o resto de concellos do país continúen coas limitacións de nivel medio, nas que entraron onte mesmo tanto as localidades da área sanitaria de Pontevedra como as da Coruña, a excepción das que teñen parámetros específicos.

Propostas para os festivos

Por outra parte, transcendeu o borrador que o Ministerio de Sanidade propuxo aos distintos territorios -e polo que protestou o Goberno galego- para controlar a expansión do virus durante os días festivos deste mes e a Semana Santa.

Segundo avanzou Europa Press, o departamento do Executivo do Estado español tería solicitado os feches perimetrais de cada zona entre o 17 e o 21 de marzo naqueles lugares onde o 19 de marzo sexa festivo.

Aliás, o período regulado como Semana Santa iría do 26 de marzo ao 9 de abril e tamén requeriría o fechamento, neste caso xeneralizado.

O documento presentarase de maneira oficial na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) que decorrerá na xornada desta cuarta feira. Outra das cuestións a valorar será o estabelecemento dunha mobilidade nocturna “como máximo” entre as 23 horas e as 6 horas. Agora o toque de recoller na Galiza é de 22 horas a 6 horas.