A Xunta ignora as reclamacións do persoal do 061 a un día do inicio da folga

Sede da Axencia Galega de Emerxencias na Estrada. Foto: cedida.

A Xunta ten un novo conflito aberto nos servizos de emerxencias. Os traballadores e traballadoras do 061 inician esta cuarta feira, 1 de agosto, unha folga provocada polo traslado forzoso do seu centro laboral de Compostela á Estrada. O Goberno non deu solucións esta mañá ás demandas do persoal.
 

O traslado a 30 quilómetros do actual emprazamento do 061 suporá a cada empregado máis de 60 quilómetros diarios de condución e unha hora e cuarto de tempo. Ademais, implicará problemas de conciliación familiar, un aumento dos custos en transporte e do risco de sinistralidade.

 

“A oferta da Administración non compensa nin de lonxe os custos materiais do traslado forzoso”, sinalou o comité de folga do 061 nun comunicado, “e non teñen en consideración os outros prexuízos inmateriais que repercuten nas condicións de vida das traballadoras e traballadores”.

 

Non só iso. Seguindo a táctica habitual do Goberno do PP, decretou servizos mínimos do 100%. O comité convocante da folga lembra que a xurisprudencia do Tribunal Supremo considera “desproporcionador fixar uns servizos mínimos así, mesmo se trata dun servizo de urxencias”. Sobre todo, porque retalla o dereito de folga. O comité explicoullo á Xunta pero, “a unhas horas” do comezo da greve non obtivo resposta ningunha.

 

O BNG esixe ao Goberno “negociación”

 

Representantes do persoal do 061 reuníronse esta mañá, terza feira, coa deputada do BNG Montse Prado. Esta reclamou á Xunta que “negocie, que abandone a súa prepotencia e que escoite as demandas xustas e razoábeis do cadro de persoal do 061”. Para, o Goberno de Feixóo “non debe cometer os mesmos erros que co 112”.

 

A decisión gobernamental de levar o servizo de emerxencias telefónicas do 112 para A Estrada produciu unha greve de 83 días.

 

A parlamentaria nacionalista explicou que a Xunta ten a táboa de reivindicacións “xusta e razoábel” do 061 desde maio de 2017 “e non fixo nada por atender as demandas do persoal”.