Greve de Urxencias Sanitarias 061 e Grupo Norte a partir do 4 de agosto

Mobilización do persoal de ambulancias fronte ao Parlamento galego.

Haberá paros parciais nas segundas feiras, sábados e festivos por mor do traslado forzoso decretado pola Administración

O persoal sanitario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 nos centros de Conxo e San Marcos, así como todas as persoas traballadoras no Grupo Norte da Central de Coordinación de Urxencias —no edificio de usos múltiples de San Marcos—convocan unha greve indefinida a partir do próximo sábado 4 de agosto. Todas as segundas feiras, sábados e festivos haberá paros de 12 a 14 horas e de 19 a 21 horas até que se negocie o traslado á Estrada.

 

A decisión do persoal foi tomada na pasada cuarta feira 18 de xullo perante a “imposibilidade de chegar a un acordo coa Administración nas condicións do cambio de centro de traballo de San Marcos e Conxo á Estrada”, sinalan desde a CIG, sindicato convocante. Segundo explican, após varias reunións co Sergas e a Dirección do 061, a administración adoptou “unha posición inmobilista nos puntos importantes” e presentou unha proposta definitiva que dista substancialmente das condicións reclamadas polo persoal.

 

Segundo os traballadores, o traslado forzoso decretado pola Administración non conta coas “debidas garantías para un servizo destas características” e iso “marca liñas vermellas que fan imposible o acordo”. De feito, denuncian que aínda a día de hoxe non se sabe en que quenda de traballo se fará efectiva a mudanza, nin que ou cantos recursos humanos serán precisos no día do traslado, nin que xestión das quendas será requerida. Alén disto, aseguran que non existe tampouco un plan de probas previo. Por iso reclaman que o traslado se paralice até dispor dun programa de traslado axeitado e de garantías.