A Xunta identificará os edificios e lugares que son “puntos negros” do suicidio con seis anos de atraso

Tras a pandemia da Covid-19, os suicidios convertéronse na principal causa de morte externa (Foto: Nós Diario).

A medida está recollida no Plan de prevención do suicidio na Galiza aprobado en agosto de 2017, polo que a súa posta en marcha chega con varios anos de atraso.

O Consello Interdepartamental para a prevención e atención das condutas suicidas, organismo dependente da Consellaría de Sanidade e integrado por representantes de diferentes departamentos do Goberno galego e da Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental da Galiza (Feafes), decidiu desenvolver o disposto na cuarta liña estratéxica do Plan de prevención do suicidio na Galiza, que fixa identificar os puntos negros arquitectónicos e xeográficos do suicidio e crear barreiras de acceso. Neste sentido, a última actualización do listado de puntos negros de suicidio data do ano 2020.

A xuntanza, presidida polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e á que se uniron como convidados varios representantes da Federación galega de municipios e provincias (Fegamp), analizou a realidade dos puntos negros de suicidio na Galiza, determinou unha actualización dos mesmos cos datos procedentes dos últimos exercicios e acordou crear unha comisión para trasladar ás distintas administracións información coa fin de que articulen as medidas preventivas necesarias para limitar o acceso aos mesmo. Neste sentido, a normativa galega cualifica de punto negro aquel espazo onde se rexistra máis dun suicidio ao ano.

O Consello Interdepartamental para a prevención e atención das condutas suicidas fai parte do Plan de prevención do suicidio na Galiza de 2017. Segundo sinalou esta terza feira a Consellaría de Sanidade, “o suicidio é un problema da sociedade no seu conxunto, de modo que, para que unha estratexia na poboación resulte eficaz, precísase dar unha resposta multisectorial e integral agrupando a experiencia e coñecemento dos distintos axentes implicados no mesmo, e de aí xurde a necesidade da creación deste Consello Interdepartamental”.

Líder en suicidios

A Galiza é unha das comunidades do Estado español cun maior número de suicidios, rexistrando en 2022, último ano con datos, 328 mortes por esta causa. As referidas cifras evidencian as limitacións das políticas do Goberno galego nesta materia, que son obxecto de denuncias continuadas por parte dos colectivos que traballan no ámbito saúde mental.

Neste sentido, a voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, sinala a Nós Diario que o Plan de prevención do suicidio na Galiza "naceu coa eiva fundamental dunha falta de orzamento anual". A alta porcentaxe de suicidios na Galiza segue a ser obxecto de discusión entre profesionais da saúde mental.

Rosa Cerqueiro afirma que “a realidade dos suicidios é complexa” e que “os factores son múltiples, como a idade, as enfermidades previas, a situación económica..." Porén, "faltan estudos apegados á realidade galega”, conclúe Cerqueiro.