O sindicato proporá retomar a folga

"A Xunta fixo saltar polos aires” o acordo da Atención Primaria, denuncia a CIG

María Xosé Abuín, secretaria nacional CIG Saúde.

“Transcorridas menos de 24 horas”, a Xunta “fixo saltar todo polos aires”. É unha denuncia da secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín. Refírese ao acordo de negociación de todos os temas que se viñan denunciando referidos ao deterioro de Atención Primaria.

A pasada segunda feira tiña lugar a sinatura do acordo de negociación de todas as cuestións que se viñan denunciando, desde hai anos, referidos ao deterioro da Atención Primaria. Un acordo, informa a CIG, polo que o Sergas se comprometía, a través da directora de Recursos Humanos -designada polo propio Goberno galego, puntualiza o sindicato-, a negociar en dúas mesas as demandas presentadas polo comité de folga.

 

“Transcorridas menos de 24 horas xa fixeron saltar todo polos aires”, advirte a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín. Así, tan só un día despois da sinatura deste acordo “desde o presidente da Xunta, até o xerente do Sergas, pasando polo portavoz de Sanidade no Parlamento e mesmo o propio conselleiro de Sanidade, en comparecencia parlamentaria, retiraron publicamente o apoio ao acordo asinado no ámbito de negociación”.

 

“O PP non só desautoriza así a directora de Recursos Humanos, senón que constata a súa indecencia política e o escaso, por non dicir nulo, valor dos seus compromisos, que xa non se sustentan sequera en campaña electoral”, pon de manifesto a secretaria nacional de CIG-Saúde.

 

Abuín considera “inadmisíbel” que “antes de cuantificar as necesidades reais” da Atención Primaria, “xa anuncian o ridículo orzamento que van investir, o que é a proba máis evidente de que a súa intención era e é non facer nada”. A secretaria de CIG-Saúde lamenta “o erro cometido ao confiar en que a Consellaría de Sanidade e Feixoo ían cumprir o que a directora de Recursos Humanos, que adoita respectar os compromisos que adquire e que dela dependen, nos estaba a transmitir. Estaba sendo utilizada e eles non tiveron sequera a decencia de asistir a ningunha reunión coa Plataforma”.

 

O sindicato lamenta “ter desconvocado a folga e terlle dado ese voto de confianza ao goberno do PP, que sabemos que non é digno de tal”. A CIG anuncia a convocatoria inminente dunha reunión da plataforma para propor retomar a folga no mes de maio se o día 26 o Sergas non leva á mesa sectorial as propostas para desenvolver os acordos acadados o 10 de abril. “Estamos dispostas a incrementar a mobilización a todos os niveis”, salienta Abuín.

 

Precisamente, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública advertiu esta quinta feira de que "se non hai avances, retomaremos a folga".