Política

Feixoo xa sabía que os test de coronavirus do Ministerio eran "de apoio"

O presidente galego critica que os test da COVID-19 enviados polo Ministerio de Sanidade "non valen para facer un diagnóstico fiábel", mais o pasado domingo xa afirmou que eran "de apoio". 
Alberto Núñez Feixoo após a reunión do Goberno galego (Xunta).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo após a reunión do Goberno galego (Xunta).

"Son test de apoio. Valen para confirmar os positivos, se dan negativo hai que confirmalo cunha proba PCR nos laboratorios de microbioloxía do Sergas". Estas foron as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión que mantivo con Pedro Sánchez o resto de presidentes dos territorios estatais sobre os "test rápidos" que Galiza ía recibir do Ministerio de Sanidade esta semana

Porén, esta cuarta feira Feixoo trasladou as súas queixas sobre estes "58.000 test rápidos" enviados por parte do Ministerio que "non valen para facer un diagnóstico fiábel" e teñen que ser "complementados" con probas PCR. O mesmo que xa sabía o domingo. 

"Pensabamos que eran definitivos e que só usándoos teriamos un diagnóstico fiábel ao cen por cen, pero non é así. Facilitan unha aproximación ao diagnóstico, pero teñen que ser completados con PCR", abundou na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta de hoxe.

Feixoo insistiu esta cuarta feira en que "descoñecía" as capacidades dos tests e lamentou que conducen a unha "velocidade insuficiente de diagnóstico". Neste sentido, fixo referencia a que o "foco principal" de preocupación do seu Goberno está nas residencias de maiores e que nelas "non se puido realizar un cribado masivo".

"Gustaríanos recibir test rápidos cunha fiabilidade moi alta, pero mentres mantemos unha velocidade de diagnóstico instuficiente", engadiu o presidente galego, quen tamén puntualizou que foi "o comité clínico" o que chegou á conclusión de que estas probas rápidas son útiles para cuestións epidemiolóxicas, mais non dan un diagnóstico "fiábel" en solitario.

Disputa da Xunta co Goberno español

O que o domingo foi transmitido con normalidade por parte do presidente galego, hoxe constitúe xa un motivo de disputa entre a Xunta e o Goberno do Estado, pois Feixoo subliñou que non sabía que estes test tamén podían "dar falsos positivos".

"O que trasladei ese día [en referencia ao domingo] é que o que entendiamos é que un test rápido, cando daba positivo, era certo, e cando daba negativo había que complementalo. Agora digo, cando dá positivo hai que complementalo igual. Non é un tema menor, non é moi aconsellábel mesturar positivos sans con positivos enfermos", defendeu.

Así que o Sergas, tal e como explicou hoxe Feixoo, "por criterios de prudencia e protocolo clínico", complementará este test con PCR. Exactamente o que o presidente galego xa indicou que farían nos laboratorios de microbioloxía nun inicio

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apuntou esta cuarta feira que "non podemos caer en facer polémicas que non veñen a conto e non solucionan nada" e advertiu que Feixoo era coñecedor de que estes test rápidos son "mecanismos de prevención" distintos das probas PCR.

"Estas probas non son as PCR, que permiten detectar a agudeza do corpo, senón que son exames rápidos que indican se hai anticorpos nun determinado cidadán", detallou Caballero, quen pediu "lealdade" na loita contra o COVID-19 ao presidente da Xunta

Comentarios