A Xunta exclúe doentes da SIDA dun ciclo formativo de salón de peiteados

O Comité Antisida de Ferrol vén de denunciar en rolda de imprensa que a consellaría de Educación impide o acceso a un curso de formación profesional a persoas con enfermidades infecto-contaxiosas, grupo no que se inclúe o VIH. De non eliminaren este criterio, presentarase denuncia por vulneración dun dereito fundamental

 

A Asociación Lazos Pro Solidariedade ou Comité Antisida de Ferrol vén de denunciar esta mañá, nunha rolda de imprensa celebrada nesa mesa cidade, un protocolo público “discriminatorio” coas persoas doentes de VIH e que “vulnera os seus dereitos fundamentais”, en concreto o dereito á educación.

A consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza restrinxiu o acceso a un ciclo formativo de perrucaría, que se impartirá no IES Carballo Calero de Ferrol o vindeiro curso, a persoas con enfermidades infecto-contaxiosas, clasificación na que se inclúe o VIH.

A Consellaría de Educación restrinxiu o acceso a un cliclo formativo de perrucaría o acceso a persoas con enfermidades infecto-contaxiosas

Porén, tal e como sinalou Carlos Varela, presidente da Asociación Lazos, en conversa con Sermos Galiza, o desenvolvemento das funcións de perruqueir@ non comporta perigo de infección a terceiros por convivencia, posto que non hai lugar a prácticas de risco. “Toda a literatura científica di ben claro que non existe ningún caso de transmisión de VIH por contacto casual”, lembra Varela.

De facto, a propia consellería de Sanidade no documento “A infección por VIH e a SIDA, previr é posible, de nós depende” refire, na súa páxina 13, que “o VIH non se transmite ao compartir lugar de traballo, ...compartir un cuarto, ... [ou] asistir á mesma escola ou a mesma aula”.  

É por iso que, nun comunicado dirixido aos medios, o Comité Antisida de Ferrol instou á Xunta a que “elimine calquera requirimento en forma de certificado médico onde se exixa a revelación de padecemento dunha enfermidade infecto-contaxiosa ou, en calquera caso, e de ser necesario o certificado, que se reflicta se a persoa é apta ou non para a realización do ciclo formativo”. 

O Comité Antisida de Ferrol instou á Xunta a que “elimine calquera requirimento en forma de certificado médico"

No caso de non eliminaren esta restrición, abondou Carlos Varela a este medio, “verémonos obrigados a presentar, nos xulgados, unha denuncia por vulneración dun dereito fundamental como é o dereito á educación”.

“Estas exclusións xeran unha alerta social inxustificada, contradín as mensaxes preventivas que lanzamos dende as organizacións que nos adicamos á prevención, contribúen a estigmatizar inda máis un colectivo xa de por si moi vulnerábel e dificultan o acceso ao diagnóstico por temor a seren discriminados e discriminadas”, denuncia o activista ferrolán.  

“Estas exclusións xeran unha alerta social inxustificada e contradín as mensaxes preventivas que lanzamos dende as organizacións que nos adicamos á prevención"

Unha problemática de definición

Doutra banda, segundo subliña o comunicado da Asociación Lazos, a catalogación actual de enfermidades infecto-contaxiosas, “equipara a infección por VIH con outras enfermidades cuxos mecanismos de transmisión” son radicalmente distintos como, por exemplo, a tuberculose. 

É por iso que, xunto coas distintas asociacións e ONGs que conforman a Coordinadora Estatal de VIH/ SIDA (CESIDA), reivindicaron que “o VIH sexa clasificado como enfermidade infecto transmisible”. Ao seu ver, esta nova etiqueta, alén de se axustar “a unha definición máis exacta”, impediría que se sigan producindo “situacións de discriminación no acceso a bens e servizos”, coma no caso que nos ocupa. 

Neste senso, o comunicado recorda que abondosos documentos do Dereito nacional e internacional subliñan a importancia de non se produciren situacións discriminatorias por mor da incorrecta catalogación das enfermidades en función das vías de contaxio. Deste xeito, a reformulación da clasificación actual evitaría que as disposicións sobre enfermidades de transmisión casual se aplicasen indebidamente @s doentes de VIH/ SIDA.