O comité antisida de Ferrol protesta contra os recortes na atención ao VIH

Protesta de Lazos-comité antisida en Ferrol
O comité antisida de Ferrol levou nesta cuarta feira a protesta ás rúas. Se non reciben apoios públicos, non aguantarán o verán. Colectivos homónimos doutras cidades, como Lugo e Santiago, xa teñen a súa actividade paralizada.

A situación é de afogo para Lazos, asociación que engloba a persoas afectadas polo VIH, a Sida, as drogas e a exclusión social en Ferrol. Até nun 40% viron reducidas as axudas públicas nos últimos dous anos. O concello mermou o seu apoio nun 70% e a Consellería de Sanidade nun 22%. Se isto non se remedia, a entidade verase obrigada a despedir aos tres profesionais que ten contratados e, en consecuencia, a pechar moitos dos servizos que vén prestando.

O colectivo ferrolá é considerado un referente en toda Galiza. Realiza case o 25% das probas rápidas de VIH que se levan a cabo no país, e foi pioneira en implantar tal servizo, así como as probas rápidas de detección da hepatite C.

A situación do comité antisida de Ferrol non é excepcional.Outros comités, como o de Santiago ou Lugo, tiveron que paralizar xa a súa actividade. Os recortes en sanidade afectan de cheo a un ámbito especialmente sensible. No eido estatal, tal e como recoñece Carlos Varela, membro do Comité, o Plan Nacional da Sida fica por completo abandonado. Tal é así que os oito técnicos que traballaban para o mesmo foron despedidos. O orzamento que o Plan destinaba ás comunidades autónomas para a prevención e asistencia aos colectivos máis vulnerábeis foi así mesmo liquidado.

Axudas para entidades ligadas á Igrexa

Mentres os colectivos con anos de experiencia ao lombo na abordaxe do VIH están coa soga ao pescozo, na última resolución de subvencións da Consellería de Sanidade destaca a alta presenza de entidades vinculadas á Igrexa, que recibirána sí apoio público para a realización de programas de prevención do VIH. O que, segundo denuncia o colectivo, obece a criterios máis ideolóxicos qiue técnicos e obxectivos. Para Carlos Varela non é entendible a entrada destes colectivos tendo en conta que acaban de aterrar neste ámbito e que ademais o posicionamento da Igrexa é combativo en contra do uso do preservativo e dos dereitos das persoas homosexuais.

A reducción do orzamento destinado a proxectos no ámbito do VIH terá repercusións claras, segundo indica o comité antisida. As persoas que traballan no ámbito da prostitución verán incrementadas as súas dificultades para o acceso á prevención e ao diagnóstico precoz e, así mesmo, quedarán desatendidas as zonas de consumo de drogas vía inxectada. Reducirase, ademais,a  prevención, co risco de incremento de persoas afectadas.

A situación afecta de modo especial ás persoas inmigrantes en situación irregular. Dende o mes de setembro, non terán dereito a tarxeta sanitaria, o que repercute de cheo naqueles/as afectados/ por VIH, que quedarán ademais sen acceso a consultas especializadas.