A Xunta estuda novas medidas ante o aumento de casos, como pedir certificado Covid para visitas en hospitais

Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Feixoo confirma que esta sexta feira reunirase o subcomité. 

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, confirmou que esta sexta feira reunirase o subcomité clínico para analizar se adopta novas medidas perante a evolución negativa rexistrada da Covid-19 na Galiza nos últimos días.

"As cousas en relación á media de España van ben, moi ben en relación á Unión Europea, pero en relación con nós mesmos non van tan ben", aseverou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, na que, en vista da evolución epidemiolóxica, deu por feito que Galiza superará os mil casos activos esta semana.

En concreto, manifestou a súa preocupación pola alza no núcleo de Ourense-Barbadás (A  Valenzá), que vinculou coas festas locais e lembrou esta mesma quinta feira, San Martiño, é festivo local, antes de apelar á prudencia para que "a tranquilidade" que, polo momento, hai na Galiza, sobre todo no ámbito hospitalario, sexa "definitiva e non temporal".

Feixoo deu por feito que Galiza superará os mil casos activos esta semana

Ao tempo, ratificou a reunión do subcomité clínico, órgano que permanece activado, e avanzou que se analizará "a posibilidade de esixir pasaporte covid para acceder a determinadas instalacións e eventos".

Unha das cuestións "máis maduras" que, segundo o presidente galego, están sobre a mesa é pedir certificado Covid a quen realice visitas ás plantas de hospitalización en todos os hospitais galegos.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mostraba a principios de semana a "preocupación" do Goberno galego respecto da evolución do coronavirus, especialmente coa mirada posta nos datos de Europa.

Aínda que subliña que Galiza se está nunha mellor posición de datos, así como a evolución do conxunto do estado é mellor que a doutros países, o subcomité clínico abordará esta semana poíbeis solucións ante a posibilidade de ter que tomar medidas.