A Xunta estuda limitar os encontros sociais

Xente polas rúas de Sanxenxo a pasada fin de semana. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Demandarase certificado de vacinación ou test negativo para acceder aos locais de hostalaría.

A Xunta estuda estabelecer unha limitación dos encontros sociais co obxectivo de reducir os contaxios da Covid-19, que continúan en aumento. Na cuarta feira transcenderán as decisións tomadas na reunión de hoxe entre o Executivo Galego e as expertas e expertos do Comité Clínico -que asesora a Consellaría de Sanidade para o control da pandemia- e que previsibelmente entrarán en vigor o sábado 24. Xa se adiantara que a redución das reunións era un dos temas que estaba sobre a mesa de negociacións. É dicir, estaba previsto analizar os beneficios dunha restrición nas reunións tanto en espazos interiores como exteriores. Outra das medidas a tratar era restabelecer o uso da máscara en determinadas situacións. 

Doutra banda o Comité Clínico afondou nunha medida avanzada xa polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo: a exixencia de presentar o certificado de vacinación ou unha proba diagnostica negativas para acceder a locais de hostalaría naqueles concellos cunha incidencia alta. 

"Non hai risco de colapso hospitalario pero hai un incremento nas unidades de coidados intensivos e de hospitalización que nos preocupa e imos tentar atallar dentro das posibilidades que temos", afirmou antes de precisar que "a hostalaría cando está ben pautada non é o principal foco de contaxio", mais "pediremos que as usuarias da hostalaría acrediten a súa situación epidemiolóxica e a súa situación de inmunidade e, a partir de aí, tomaremos decisións", precisou.

Soben os casos activos

Tamén na terza feira Galiza volveu superar a barreira dos 12.000 casos activos, unha marca que logrou salvar a mediados do pasado mes de febreiro, mais nun escenario de vacinación menos optimista que o actual.

A inmunidade da poboación galega avanza. Perto de 66% das persoas obxectivo da campaña  xa contan coa pauta completa e 74% recibiron polo menos unha dose.

Neste contexto o avance dos contaxios non amosa, de momento, indicios de contención, cunha incidencia acumulada a 14 días que segue a superar o limiar dos 1.500 casos por cada 100.000 habitantes tanto entre o grupo de 20 a 29 anos -1.719- como de 12 a 19 - 1.608-, ambos os dous pendentes de acceder á vacinación masiva contra a Covid.

Así, segundo o último balance de cifras actualizado pola Consellaría de Sanidade, Galiza sumou nas últimas 24 horas computadas polo Sergas perto dun milleiro de novos casos activos que elevan a 12.037 as persoas cunha PCR positiva.

Os novos positivos diarios venceron outra vez a barreira do millar. O Servizo Galego de Saúde rexistrou 1.165 contaxios novos que manteñen a taxa de positividade na contorna de 12%, lonxe de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia. Esta porcentaxe, sumada á da trazabilidade dos casos diagnosticados, que non alcanza 50%. A proporción de casos dos que non se coñece a orixe é outro dato fundamental para o control da Covid e o traballo da central de seguimento de contacto .

Hospitalizacións

O número de persoas hospitalizadas polo coronavirus tamén subiu nas últimas horas. Ascendeu até os 149 pacientes ingresados, nove máis. Destes, 128 recupéranse en unidades convencionais, nove mais que a xornada anterior, mentres que nas áreas de críticos continúan sen cambios, con 21 persoas ingresadas.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas de Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra, mentres que descende lixeiramente nas da Coruña, Lugo e Santiago. 

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid na Galiza desde o inicio da pandemia aumentaron a 2.443.