Sanidade avalía fixar novas restricións para reunións en interiores e exteriores e recuperar a máscara para determinadas situacións

Varias persoas nunha terraza de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

O comité clínico ten sobre a mesa diferentes propostas para afrontar unha quinta vaga que, nunha semana, duplicou o número de casos activos na Galiza.

Hai concordancia no comité clínico sobre que cómpre establecer novas restricións, o debate da xuntanza desta terza feira centrarase en cales serán estas e a súa aplicación. Un dos ámbitos onde este órgano que asesora a Consellaría de Sanidade estuda fixar novas medidas é nas xuntanzas tanto na casa como fóra, así como en aqueles eventos que reúnan máis de cen persoas. Tamén se valorará a posibilidade da presentación do certificado de vacinación en lugares pechados.

“Non se desbota que se prohiban as reunións de non conviventes no exterior de madrugada e que durante o día eses encontros se limiten a dez persoas en espazos abertos e seis nos pechados”.

Segundo indica a CRTVG, “non se desbota que se prohiban as reunións de non conviventes no exterior de madrugada e que durante o día eses encontros se limiten a dez persoas en espazos abertos e seis nos pechados”.

Tamén, prosegue a canle pública, “o comité clínico vai analizar a conveniencia de recuperar certos usos da máscara en exteriores ou incluso que se esixa certificados de vacinación ou de probas diagnosticas negativas para acceder a locais de hostalería e así evitar decretar peches nos concellos con índices máis altos de contaxios”.

"Limitacións horarias, redución do tamaño dos grupos, tanto no ámbito privado como no ámbito público, esixencia da realización de probas ou certificados de vacinación para todo tipo de restauración ou celebracións", di Pilar Farjas, membro do comité clínico, na CRTVG. A idea é que estas probas sexan obrigatorias para eventos con máis de dez persoas.

"Reunións sobre todo de noite, e si que nos preocupa moito porque é unha forma moi explosiva de moitos casos e tememos que poida repercutir na presión asistencial", manifesta Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo.

Os novos contaxios de Covid-19 volveron repuntar por riba do milleiro após o descenso da xornada anterior e ascenden a 1.165 no conxunto de Galiza, así como os hospitalizados, que soben a 149 -nove máis- e os casos activos superan os 12.000. Pola súa banda, a taxa de positividade descende lixeiramente a un 10,9% após principiar a semana cun 13,5%.