Xunta e Estado encastélanse no dragado da ría do Burgo

Ría do Burgo (Imaxe: Ministerio para a Transición Ecolóxica).
 A Xunta remítese a un informe da súa asesoría xurídica para defender que non é necesario que emita un documento de dispoñibilidade dos terreos para as obras. A subdelegación do Estado lembra que a propia Avogación do Estado detallou a necesidade do mesmo para licitar o dragado.

O dragado da ría do Burgo segue paralizado. A Administración central sostén que para sacar a obra a concurso é necesario previamente que a Xunta da Galiza achegue un documento no que asegure a dispoñibilidade dos terreos, de ámbito estatal. Pola súa banda, esta teima en que non é necesario e un informe da súa asesoría xurídica feito público  onte afonda nesta postura.

A asesoría xurídica non percibe "ningún obstáculo" na dispoñibilidade dos terreos e fai referencia ao "compromiso" de que a actividade marisqueira se suspenda cando se executen os labores, segundo informan as Consellarías do Mar e de Infraestruturas e Mobilidades.

As súas respectivas responsábeis, Rosa Quintana e Ethel Vázquez, compartiron as conclusións do informe nun encontro con representantes da Confraría de Pescadores da Coruña, aos que trasladaron a postura da Xunta. Reunión que tivo lugar  dez días despois de que a subdelegada do Goberno estatal na Coruña, Pilar López-Rioboo, fixese o propio con mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo.

Segundo as consellarías, o documento considera que a postura do Goberno estatal "non e razoábel", recalcando que a presenza de actividade marisqueira e pesqueira na área das obras "non limita a dispoñibilidade dos terreos nin a realización dos trámites necesarios para a licitación do contrato".

A asesoría xurídica engade que os títulos para a extracción marisqueira que concede a Xunta non "chegan a amparar a ocupación do dominio público, pois só autorizan a actividade extractiva". E que a Lei de Costas, de ámbito estatal, "concede ao Estado amplas potestades de recuperación de oficio, suspensión de actividades e desaloxo dos terreos dos que é titular".

No mesmo día, López-Rioboo acusou a Xunta de "obstruír" o proxecto de dragado e solicitou que o faga posíbel "certificando a total dispoñibilidade dos terreos". A subdelegada do Goberno reiterou que "a tramitación depende exclusivamente desta certificación e engadiu que "negarse a emitila é bloquear de maneira intencionada a rexeneración da ría". Así mesmo, lembrou que a propia Avogacía do Estado trasladou "con total detalle" á Xunta a necesidade de que entregue este documento e remitiuse á Lei de Contratos Públicos.