O dragado da ría do Burgo encalla no tirapuxa entre a Xunta e o Estado

Ría do Burgo
O Goberno do Estado reclama á Xunta o certificado de dispoñibilidade dos terreos, no que se especifque que non haberá actividade mariscadora ou pesqueira que interfira coa obra, e esta argumenta que non é preciso.

Continúa o tirapuxa entre a Xunta da Galiza e o Goberno do Estado en relación ao dragado da ría do Burgo. Na xornada de onte, a subdelegada do Goberno estatal na Coruña, Pilar López-Rioboo, mantivo un encontro con mariscadores da ría aos que trasladou "o bloqueo intencionado" da Xunta ás obras.

O presuposto para esta actuación, orzamentada en 46,3 millóns incluíndo fondos europeos, consta nos presupostos xerais do Estado de 2018. Porén, o proxecto continúa encallado. Segundo o Goberno estatal, para poder licitar a obra a Xunta da Galiza debe emitir o certificado de dispoñibilidade dos terreos, un documento no que "acredite a inexistencia de autorizacións vixentes para actividades de pesca e marisqueo".

A tramitación da actuación, segundo manifestou López Rioboo nun comunicado, depende "exclusivamente" desta documentación, pois é necesario comprobar que na ría "non se  desenvolven actividades que impidan as obras". Mentres, fontes do Executivo galego aseguraron que só é "indispensábel" que o marisqueo e a pesca non teñan lugar no momento da intervención, negándose a realizar o trámite até a sinatura do contrato de adxudicación do dragado.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou o 24 de xullo que se trata dunha "escusa" do Goberno estatal, manifestando que a actuación se executa sobre dominio de titularidade estatal e que a existencia de autorizacións de marisqueo é compatíbel coa plena dispoñibilidade dos terreos.

A rexedora da Coruña, a socialista Inés Rei, e mais o alcalde de Culleredo, o tamén socialista José Ramón Rioboo, urxiron ao comezo das obras para evitar a perda de fondos europeos