A Xunta estabelece o nivel alto de restricións na Illa, Sarria, Vilanova, Vilagarcía e Cambados

Mocidade nunha rúa de Sanxenxo após a reapertura do lecer nocturno. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Os membros do Comité Clínico e responsábeis da Xunta decidiron estabelecer as mesmas medidas en Sarria e deixar dez municipios no chanzo medio-alto. Na mesa de traballo tamén debatiron sobre a reapertura do lecer nocturno, que decorreu o día 1 de xullo aínda que non foi seguida de forma homoxénea en todo o país.

O Comité Clínico decidiu estipular o nivel alto de restricións en varios concellos da comarca do Salnés. En concreto, o incremento das limitacións para reunións e en estabelecementos hostaleiros, entre outras, van afectar Cambados, A Illa, Vilanova e Vilagarcía. A estas catro localidades, afectadas en parte polo foco derivado das excursións de fin de curso ás Balears, súmase Sarria.

Ademais, outra decena de municipios abandona o nivel medio-baixo de alerta e pasa a medio-alto, o que tamén implica certas prohibicións e cambios nas capacidades de bares e restaurantes. Nesta situación ficarán, a partir da medianoite do sábado, Caldas de Reis, Pontevedra, Poio, Marín, Salceda de Caselas, Ribadavia, Barbadás, Ourense e Culleredo. O resto de vilas seguirán no chanzo medio-baixo.

O anuncio non foi sorprendente xa que as e os expertos que forman parte deste colectivo de asesoramento sobre a evolución da pandemia recoñeceran na segunda feira por boca da xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Marina Varela, que os datos máis “preocupantes” chegaban desde a contorna de Pontevedra “e outras zonas de Galicia” e non descartaban que se tiveran que tomar decisións máis limitadoras en determinados municipios, como xa aconteceu a semana pasada pola chegada das e dos estudantes contaxiados no foco do macrobotellón de Mallorca

De feito, a doutora confirmou a existencia de “incertezas e preocupación” pola mocidade. Porén, na segunda feira e tamén onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dixo non prever adiantar a vacinación á veciñanza de entre 12 e 29 anos deixando a un lado á cidadanía da franxa dos 30 aos 39. 

Ao fío deste asunto asumiu que tal decisión tería unha difícil explicación para esas últimas prexudicadas. Por tanto, de momento a inoculación continúa nese grupo e tamén no de 40 a 49, que está a recibir a segunda dose dos fármacos contra a Covid-19. Tamén van collendo cita as e os mozos que irán de Erasmus e non estarán no país cando lles tocaría a súa quenda. 

Outro dos temas a tratar no seo da reunión semanal era o efecto da volta á actividade do lecer nocturno (agás nos lugares con maiores restricións) polo que é probábel que hoxe transcendan novas informacións ao respecto deste ámbito.

Porén, aínda non houbo marxe temporal para vincular unha suba dos contaxios coa reapertura, que tivo lugar o día 1 e non a asumiron todos os estabelecementos da Galiza por igual.