O incremento de contaxios pode levar ao hospital ou á morte a persoas vacinadas pero non inmunizadas

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, lembra que malia que a cidadanía recibira xa as dúas doses dos fármacos contra o coronavirus (unha nalgúns casos) pode non estar totalmente protexida pola resposta do seu corpo ao tratamento. Por tanto, advirte do "risco importante" que tería unha nova onda da pandemia.
Fernando Simón durante unha rolda de prensa. (Foto: A. Ortega / Pool / Europa Press) #fernandosimón #pandemia #contaxios #risco #vacinación #coronavirus
photo_camera Fernando Simón durante unha rolda de prensa. (Foto: A. Ortega / Pool / Europa Press)

Os avances na campaña de vacinación non garantes a total inmunidade contra a Covid-19. Malia que esta cuestión xa era coñecida desde que apareceron os primeiros remedios contra o virus, os novos incrementos nos contaxios entre a poboación -sobre todo na mocidade- parecen levar aparellado un posíbel esquecemento de que o risco continúa existindo.

Así se pode ler nas palabras do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, que nesta segunda feira quixo avisar á poboación de que teña en conta a existencia dun "risco importante de que se produzan ingresos hospitalarios e mortes en persoas de maior idade vacinadas pero non inmunizadas" se a expansión vai a máis.

"Se segue a aumentar a incidencia pode repercutir nos grupos de maior idade máis vulnerábeis, que poden ter a posibilidade de non inmunizarse a pesar de estar vacinados", destacou o experto. Se ben fala de "números pequenos", ou polo menos máis que noutras ondas da crise sanitaria, non quere deixar de incidir en que "os datos non son nada bos".

De feito, os diferentes territorios comunicaron ao Ministerio de Sanidade a detección de máis de 32.000 novos positivos só na fin de semana. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 204,16, fronte a 152,82 da sexta feira.

A idade media dos casos agora mesmo é ao redor dos 30 e 35 anos, independentemente da variante, segundo precisou Simón. "Entre os maiores a incidencia é moitísimo máis baixa", recoñeceu Simón.

No entanto, remarca non tanto o feito de que as e os maiores vaian a ser os primeiros contaxiados senón que poidan acabar infectados por interactuar coa mocidade no ámbito familiar. En consecuencia, se os tratamentos non fixeron a inmunización completa -como é posíbel dado que os fármacos non actúan de igual forma en todos os corpos- poderían levar a eses ingresos ou, no peor dos casos, falecementos.

"Canto maior sexa a transmisión en grupos non vacinados, máis posibilidades hai de que persoas vacinadas non inmunizadas entren en contacto co virus e poidan ter algúns cadros máis graves", resumiu, facendo un chamamento á responsabilidade persoal.

Comentarios