Medio Ambiente autoriza un parque eólico de Naturgy dentro da reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo

O parque eólico das Encrobas situarase na contorna das instalacións ligadas á antiga central térmica de Meirama. (Foto: Antonio Ayuso)
O Goberno galego ignora as advertencias sobre o impacto, que recoñece "severo", sobre aves protexidas como a escribenta das canaveiras ou a tartaraña cincenta.

A Xunta da Galiza vén de conceder a declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel a Naturgy para o desenvolvemento do parque eólico As Encrobas e mais a súa liña de evacuación, emprazado nos municipios de Carral, Cerceda e Ordes. A resolución, datada do 27 de decembro e asinada pola directora xeral de Calidade Ambiental, María Sagrario Pérez Castellanos, considera que este proxecto, cunha potencia de 20 megawatts (MW) instalados sobre a reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo —na zona de transición—, "é ambientalmente viábel" sempre que se cumpra co recolleito no devandito estudo de impacto a pesar de afectar este espazo de alto valor ambiental.

O orzamento previsto supera os 20 millóns de euros, por medio da instalación de catro aeroxeradores que alcanzarán os 145 metros en altura, e o proxecto ten un prazo de execución de sete meses. O parque eólico situarase na contorna das instalacións ligadas á explotación mineira e á antiga central térmica de Meirama.

Segundo dispón o mesmo estudo ambiental, estas instalacións enerxéticas ficarían tamén inmersas no ámbito de actuación do plan de recuperación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus de tipo lusitanica), ave en perigo de extinción —unha das catro únicas especies dun total de 201 recoñecidas como ameazadas que ten un plan específico de recuperación ou conservación—. Constata tamén a presenza de exemplares da tartaraña cincenta (Circus pygargus), que vén de ser nomeada Ave do Ano 2023 e que non conta cunha figura de protección malia exixilo a lei.

Aliás, detéctase unha "moi pequena zona" de "impacto severo" para a avifauna xunto a un aeroxerador. Con todo, e a pesar das advertencias que figuraban nas case medio milleiro de alegacións presentadas contra este proxecto en relación aos danos sobre a escribenta, a tartaraña ou o lobo, a dirección xeral de Patrimonio Natural conclúe que "non é previsíbel" que se xeren "efectos significativos" mentres se cumpran con requisitos como fixar unha zona de exclusión cun radio de 500 metros no caso de se detectaren niños até rematar o período reprodutivo. O impacto no resto do parque será "compatíbel", sostén a DIA.

A respecto da avifauna e os morcegos, pois, Medio Ambiente limítase a prever actuacións a posteriori: "Realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presenza dos aeroxeradores". Só nese caso de acharse unha "incidencia negativa" nestas especies procedería a intervir.

O expediente recibiu perto de medio milleiro de alegacións. Alén de cuestións como as xa citadas, diferentes entidades alertaron por escrito da afección a zonas húmidas e acuíferos, o feísmo paisaxístico e as repercusións sobre o Camiño de Santiago.

Aprobado o parque eólico Canedo

Noutra orde de asuntos, a dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais outorgou a autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Canedo, entre os municipios de Alfoz e Mondoñedo, que promove Galfor Eólica.

As alegacións recibidas avisaron dunha "fragmentación fraudulenta" de parques eólicos na mesma área, á vez que demandaron estudos ambientais sobre a mortalidade de diferentes animais en vías de acceso. A autorización é para unha potencia instalada de 13,5 megawatts, cun investimento de 12,5 millóns de euros. Contará con tres aeroxeradores e tres centros de transformación. Construirase tamén unha rede eléctrica soterrada de 20 quilowatts (KW) de enlace.