Así será o curso escolar 2022-23 na Galiza

O curso principiará o 8 de setembro. (Foto: Europa Press)
Todo o que precisas saber sobre o calendario do curso 2022-23, a matrícula e a supresión dos exames de setembro.
  1. Dúas leis paralelas
  2. Os currículos, sen publicar
  3. Fin dos exames de setembro
  4. Sistema centralizado de FP básica
  5. Matrícula adiantada na EOI
  6. Inicio o 8 de setembro

A Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de trasladar aos centros educativos as instrucións de cara ao final do presente curso e o inicio do vindeiro, o 2022/23, co obxectivo de "facilitar ao máximo a organización e planificación lectiva" por parte das direccións.

Dúas leis paralelas

Segundo informa a Xunta, trátase de dar "seguridade xurídica" aos colexios e institutos e "certezas" ás familias do alumnado, posto que no próximo ano académico estarán en vigor de maneira simultánea dúas leis educativas: a nova Lomloe, para os cursos impares, e a Lomce, para os pares.

Neste contexto, o profesorado, a través da plataforma informática interna creada para tal fin, xa ten acceso ao currículo para a elaboración das programacións didácticas dos cursos impares antes de que se aproben os currículos.

Os currículos, sen publicar

A pasada semana o Goberno galego abordou cos sindicatos —CIG, ANPE, UXT E CCOO— en mesa sectorial os borradores dos decretos que fixan os currículos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato para o curso 2022/23 na Galiza, que aínda deben ser aprobados e publicados.

Ante este panorama, a Consellaría lamenta "o atraso" do Goberno estatal na publicación do seu parte dos currículos, o que leva a que "non estean publicados os textos definitivos" antes do arrranque das clases.

Fin dos exames de setembro

Entre as novidades que inclúe a planificación está a redistribución das datas de probas e períodos de matrícula, após a eliminación das probas extraordinarias de setembro coa nova lei educativa.

Sistema centralizado de FP básica

No que atinxe a Formación Profesional (FP), os graos básicos terán un sistema centralizado de matrícula que, segundo destaca a Consellaría, "favorece ás familias e ao alumnado" que opta por esta modalidade.

Así, no caso das e dos estudantes que finalicen a ESO e queiran optar á FP básica, serán os propios centros de orixe os encargados de tramitar a documentación e as solicitudes de praza no ciclo que queiran.

Matrícula adiantada na EOI

Do mesmo modo, para a Escola Oficial de Idiomas (EOI) a Xunta decidiu adiantar aos meses de xuño e xullo o proceso de matrícula, que até o de agora se desenvolvía en setembro.

A preinscrición nestes centros para o alumnado que entren por vez primeira será entre o 27 e o 10 de xuño. No que se refire ao período de matrícula, as e os estudantes que aproben en convocatoria común deberán formalizala entre o 20 e o 30 de xuño; os que o fagan na extraordinaria, do 1 a 7 de xullo, e para o resto —incluídos os que entran por primeira vez, tras a preinscrición— será do 1 a 20 de xullo.

Aliás, as probas extraordinarias de setembro pasan a xuño e, neste curso, decorrerán a partir do día 20 deste mes.

Inicio o 8 de setembro

Por outra parte, a Consellaría informa de que esta quinta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicará o calendario escolar para o curso 2022-23, que non contén novidades a respecto da proposta elevada á mesa sectorial docente a pesar das críticas dos sindicatos, que pedían atrasar o arranque.

Así pois, o curso comezará o 8 de setembro para todas as etapas educativas, incluídas as de Secundaria, Bacharelato e Ensino de Réxime Especial.