Crise dos pellets

A Xunta desbota pedir medios ao Estado para limpar praias e areais de pellets

En primeiro plano, e de dereita a esquerda, Alfonso Vilares, Ánxeles Vázquez e Alfonso Rueda, hoxe, na reunión do Plan Camgal. (Foto: Arxina)

Porén, demanda ao Estado o envío de un submarino, 11 embarcacións, un avión e helicópteros para combater a crise no mar.

A Xunta da Galiza non precisa medios nin axuda do Estado para retirar a marea plástica que en forma de millóns de pellets afecta a costa galega. Así o manifestou esta cuarta feira a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, após a xuntanza de seguemento do Plan Camgal —Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña—, encontro no que tamén estiveron presentes o presidente galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Mar, Alfonso Vilares.

Vázquez, cara e voz estes días da estratexia comunicativa da Xunta na crise dos pellets, explicou que nestes momentos hai 200 persoas traballando nunha trintena de praias tratando de recoller as bolas de plástico, e anunciou que nos vindeiros días ese dispositivo se ampliará con cen persoas máis, até as 300. Para a número 3 do Executivo galego, abondo para facer fronte na costa galega á chegada de millóns de bolas de plástico.

Ánxeles Vázquez asegurou que a Xunta considera que eses medios no litoral son suficientes, e que polo tanto non é preciso axuda do Estado nese sentido, máis alá da "formación" do voluntariado e un retén en terra. Indo máis alá incluso, a vicepresidenta e conselleira ofreceu os medios dos que dispón a Administración galega para colaborar nos traballos de localización e interceptación dos sacos de pellets que están no mar.

Que esa é a precisamente a tarefa —actuar no mar— que a Xunta quere que cumpra o Estado español: retirar os sacos de microplásticos do mar, a pesar de que o pasado día 4 o Goberno galego advertiu aos concellos mediante unha carta de que non se podía actuar até que estes non chegasen á costa. A maiores, un informe da Organización Marítima Internacional (OMI) de 2023 puña en cuestionamento a efectividade de retirar pellets do mar, como solicita a Xunta ao Estado, por entender que eses operativos "sexan efectivos".

Na tarde desta cuarta feira, a Administración galega concretabas súas demandas ao Goberno español: 11 embarcacións, 1 avión e 2 helicópteros para rastrexar e recoller os sacos de pellets do mar. Esta demanda formúlaa a Xunta após elevar esta terza feira —case un mes despois de ter coñecemento da presenza de pellets— a nivel 2 a emerxencia e negarse na última semana a tomar esa decisión argumentando que o nivel 1 era abondo.

Tamén hoxe, e tamén a través de Ánxeles Vázquez, a Xunta defendeu o seu proceder: "Non tardamos tanto en subir o nivel de alarma", asegurou a vicepresidenta nunha entrevista na Cadea SER. Un nivel que aumentou após as numerosas críticas recibidas e de que Asturias e Cantabria—con moito menos afectación no seu litoral que a Galiza pola marea plástica— así o fixesen.

En Asturias operan xa medios estatais

Nas praias e areais asturianos comezaron a traballar esta cuarta feira seis brigadas —que suman unha trintena de efectivos— enviadas polo Goberno estatal após pedir colaboración o Goberno asturiano e que se suman ás 170 despregadas pola Administración do Principado. Só 30 menos que os que hai na Galiza, onde a marea plástica é moito maior.

Ánxeles Vázquez debullou hoxe na súa comparecencia a cerna do argumentario da Xunta para afrontar esta crise: a responsabilidade do que acontece no litoral galego é do Goberno estatal. "Cada partícula [de plástico] que chegou á nosa costa ten un culpábel: o Goberno estatal", dixo.

Insistiu en responsabilizar o Executivo español da vertedura por non actuar hai un mes. Mais o 13 de decembro —hai case un mes— a Xunta da Galiza sabía que os pellets chegaran á costa da Galiza, como acabou recoñecendo esta terza feira o conselleiro do Mar, Alfonso Vilares; e non activou o plan de continxencias até 4 de xaneiro, tres semanas máis tarde.

"Evitar o contacto coa pel"

Un informe encargado pola Xunta da Galiza sobre os pellets, neste caso a Cetim, un centro tecnolóxico privado radicado no polígono de Culleredo; indica no apartado de consideracións técnicas que  "no referente a medidas en caso de vertedura accidental, indícase non inhalar o po, evitar o contacto coa pel, os ollos e a roupa cando se proceda á limpeza da vertedura [...]. Para o seu manexo e almacenamento, recoméndase non inhalar o po, evitar o contacto con pel e ollos e, por tanto, o uso de lentes de protección e luvas”.

O profesor de Ecoloxía e Bioloxía Marina da Universidade de Vigo Ricardo Beiras sinala a Nós Diario que estabamos ante "un produto irritante", polo que aconsellaba "tomar precaucións" a todas as persoas que acudisen a praias e areais a colaborar na retirada destes microplásticos. 

Advertencia de Bruxelas

A Comisión Europea advertiu esta cuarta feira de que a vertedura de 26 toneladas de pellets de plástico fronte ás costas galegas "ameaza o medio mariño e actividades económicas como a pesca". "Estamos desexosos de debater como podemos axudar", sinalou o comisario europeo de Medio Ambiente e Pesca, Virginijus Sinkevicius.

O Executivo europeo propuxo medidas para reducir a contaminación de pellets de plástico, unhas normas que Sinkevicius considera "fundamentais" para loitar contra a contaminación por plásticos no futuro.  Por outra parte, e a proposta da eurodeputada do BNG Ana Miranda, o vindeiro pleno da Eurocámara -a próxima semana- incluirá un debate sobre a contaminación na costa galega polos pellets.

O xulgado de Noia abre dilixencias por delito ambiental e a Fiscalía move ficha

O Xulgado de Noia acordou hoxe incoar dilixencias pola posíbel existencia dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente pola vertedura á costa galega de millóns de pellets de plástico. A xuíza ordenou oficiar á Unidade do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) para que remita ao xulgado un informe no que se consignen "os datos solicitados en relación coa titularidade da embarcación Toconao, as circunstancias nas que se produciu a perda da carga, o contido da devandita carga, a composición e posíbel toxicidade dos pellets vertidos e o alcance da vertedura e a delimitación da área afectada".

Por outra parte, a Unidade Especializada no Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado encargou as primeiras dilixencias de investigación pola vertedura de pellets nas costas galegas, reclamando información á Xunta e ao Seprona, así como a colaboración das Fiscalías da Galiza, Asturias, Cantabria e Euskal Herria. Nun decreto, o fiscal de sala de Medio Ambiente Antonio Vercher pide á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta da Galiza que "informe sobre a chegada e detección do material potencialmente contaminante ás costas galegas".

En especial, indica, "da súa incidencia e avaliación en relación ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, Parque Natural das Dunas de Corrubedo e as Lagoas de Carregal e Vixán, por ser espazos de especial protección e consideración ambiental". Esta Unidade da Fiscalía Xeral acordou investigar a vertedura de pellets ao apreciar "indicios de toxicidade" nestas "bolas de plástico".