A Xunta desactiva a Situación 2 por incendios na provincia de Ourense
Soben a catro os incendios activos na Galiza, cun foco novo na Fonsagrada, e coa Pobra do Brollón en Situación 2
A vaga de incendios que azouta a Galiza desde hai dúas semanas non dá tregua, subindo os focos activos a catro. Aínda que a Situación 2 de alerta xa se desactivou na provincia de Ourense, continúa activa na Proba do Brollón cun incendio que calcina xa 800 hectáreas. Ademais, rexistrouse outro foco, na Fonsagrada (comarca homónima).
Recólleo a última actualización enviada pola Consellaría do Medio Rural, que unicamente informa de incendios superiores a 20 hectáreas.
A Pobra do Brollón (Terra de Lemos) continúa en Situación 2 como medida preventiva pola proximidade aos núcleos de Golmar, neste municipio, e Conceado e San Pedro, en Quiroga, localidade tamén afectada polo incendio de Larouco, xa estabilizado. O lume afecta unhas 800 hectáreas.
Na provincia de Lugo notifican tamén un foco na Fonsagrada, na parroquia de San Pedro de Río. Iniciado ao redor das 01.50 horas, segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas.
Pola súa parte, en Ourense, continúan activos os lumes de Avión (O Ribeiro), que queima unha superficie estimada de 250 hectáreas na parroquia de Nieva; e o de Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, que calcina 4.700 hectáreas na Galiza após propagarse a Ourense o lume iniciado o día 14 de agosto na localidade zamorana de Porto. Este incendio afecta as montañas de Trevinca.
Doutro modo, están estabilizados os lumes de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso (19.000 hectáreas); Larouco, parroquia de Seadur (ao redor de 30.000 hectáreas calcinadas en territorio galego); Oímbra e Xinzo de Limia, parroquias da Granxa e Gudín (17.000 hectáreas); A Mezquita, parroquia da Esculqueira (10.000 hectáreas); Carballeda de Avia e Beade (4.000 hectáreas), e Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas).
Outro tres incendios permanecen controlados: Maceda, nas parroquias de Santiso e Castro de Escuadro (3.500 hectáreas); Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas), e Carballedo, parroquia da Cova (100 hectáreas).
