A Xunta deixa sen praza a 40 estudantes de bacharelato en Ponteareas

Galiza Nova denuncia a responsabilidade da Consellaría de Educación a quen exixen que habilite as aulas necesarias para atender a demanda

Corenta mozas e mozos de Ponteareas fican arestora sen praza para cursaren primeiro de bacharelato no vindeiro curso escolar. Esta situación é resultado de que  as 48 prazas ofertadas nos institutos "Val do Tea" e "Pedra de auga", ficaron moi por baixo da demanda que se elevou a 88 solicitudes. A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, fixo pública esta situación e denunciou que a Consellaría de Educación "mantén fechadas dúas aulas do novo instituto, IES de Ponteareas" mentres corenta estudantes non son admitidos por "falta de prazas". 

Para o responsábel local de Galiza Nova este feito exemplificaría que "o Partido Popular desde a Xunta ten a clara intención de favorecer o ensino privado". En troca, Miguel  Bouzó exixiu á Consellaría que "habilite máis aulas" para permitir que haxa prazas suficientes para "quen quere realizar os seus estudos no seu concello". "Non imos consentir que ningún estudante quede sen praza, nin que se lle obrigue se matricular fóra de Ponteareas" advirten desde as mocidades do Bloque.