A Xunta deixa sen pediatras 2.300 crianzas do Carballiño

Asemblea da Plataforma en defensa da sanidade pública do Carballiño reunida en novembro. (Foto: Nós Diario).

A comarca do Carballiño acollerá unha mobilización este domingo 10 de decembro para demandar a recuperación da asistencia pediátrica na zona. A protesta chega após deixar a Xunta da Galiza sen asistencia a 2.312 crianzas.

A Plataforma en defensa da sanidade pública do Carballiño leva dúas semanas pelexando en defensa dos servizos sanitarios na comarca. Tras constituírse coa sinatura de máis de 200 veciñas e veciños o pasado 14 de novembro, recolle nestes días sinaturas para reclamar á Xunta da Galiza a restitución da asistencia pediátrica na localidade e prepara unha mobilización que agarda masiva para o próximo domingo. Neste sentido, pide a pais e nais que acudan á protesta con carriños, para denunciar a situación de indefensión na que se atopan os nenos e as nenas.

A comarca do Carballiño, formada polo concello homónimo e os municipios de Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea, ten asignada dous pediatras adscritos ao centro de saúde da capital comarcal. Porén, unha desas prazas está vacante desde hai un ano, por xubilación dun profesional, e a outra desde o pasado mes de setembro. Así, as crianzas da zona só contan co servizo dun médico con especialidade de puericultura a media xornada emprazado no Punto de Atención Continuada (PAC) do Carballiño.

A voceira do colectivo, Paula Fernández, sinala a Nós Diario que “os pais e nais da comarca vémonos obrigados para darlle atención pediátrica aos nosos fillos e fillas a acudir a urxencias ao hospital de Ourense ou acudir aos dous pediatras privados que teñan consulta aberta no Carballiño”.

Nesta liña, sinala que “a sanidade privada ten que ser unha opción para as persoas e non pode converterse nunha obriga como acontece actualmente na comarca". Asemade, destaca o apoio unánime ás súas demandas do pleno do Concello do Carballiño.

201 concellos carecen de servizo de Pediatría

A situación desta comarca non representa unha excepción na Galiza, 201 concellos carecen de servizo de Pediatría. Segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2022, 64,2% dos municipios da Galiza non contan con pediatras, prestando a atención en 13,1%  destes persoal médico sen titulación nin formación axeitada. Ao tempo, unha porcentaxe significativa das prazas dotadas polo Goberno galego permanecen vacantes durante unha parte do ano, sendo esta situación permanente en 4,6% dos concellos.

Unha boa parte dos 112 municipios galegos con dotación de Pediatra non contan con servizo en diversos períodos do ano, como acontece no Carballiño. Segundo os datos fornecidos pola Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (Agapap) para 2022, 4,6% das mesmas permanecen vacantes con carácter estrutural, ao non cubrirse as baixas temporais dos especialistas ou a xubilación dos profesionais.

A Agapap destaca que 13,1% das prazas de pediatra en Atención Primaria son atendidas por médicos de familia, nuns casos con curso de puericultura e noutros non. A este respecto, Vanesa Viquendi, voceira do colectivo Pediatras e Matronas Xa!, destaca a Nós Diario “os problemas provocados por esta situación, ao carecer moitos deles de formación específica”.