A Xunta deixa en mans dos centros de ensino a organización da volta ás aulas

O alumnado de segundo de Bacharelato e ciclos medio e superior de FP poderá incorporarse o día 25 de maneira voluntaria.

A Xunta mantén a decisión de reabrir o vindeiro día 25 os centros de ensino para que o alumnado de segundo de bacharelato ou segundo de ciclos medio e superior de FP poida, de forma voluntaria, volver ás aulas até xuño. Na mesa sectorial de ensino que tivo lugar onte, a Consellaría de Educación rexeitou a petición dos sindicatos de adiar a reapertura dos centros até o vindeiro curso, se ben admitiu algúns matices ao protocolo para o regreso á docencia presencial. 

O alumnado de segundo de Bacharelato ou de ciclos de Formación Profesional que decida reincorporarse ás aulas o vindeiro día 25 –en caso de confirmarse o paso da Galiza á segunda fase do desconfinamento– deberá encargarse de desinfectar o material que empregue, o seu pupitre e a súa cadeira, tanto na aula como na biblioteca, con independencia do labor dos equipos de limpeza. É unha das pautas que fixa o protocolo da Consellaría de Educación coas medidas de prevención na reapertura dos centros educativos, debatido onte cos sindicatos na mesa sectorial de ensino.

Fronte á posición do conxunto das organizacións sindicais, contrarias á recuperación da docencia presencial nas últimas semanas de maio e primeiras de xuño por falta de garantías sanitarias, a Xunta segue adiante coa reapertura, que deixa en mans dos equipos directivos dos centros cuestións de calado, desde o abastecemento de boa parte do material de prevención e hixiene (xel, panos, luvas...) até a decisión sobre o número máximo de alumnos e alumnas por aula. 

O protocolo delega tamén nas directivas a organización das quendas dos equipos de limpeza –que deberán realizar un mínimo dunha desinfección completa ao día–, a promoción de "rutas seguras" de chegada ao centro, a organización das saídas e entradas das aulas –con distancia interpersoal de dous metros e escalonadas– e o número de profesorado de garda para garantir a seguridade, ou a capacidade máxima de cada un dos posíbeis espazos que se vaian utilizar para recreo e o tempo de duración do mesmo. 

"Para dúas semanas que van ser, falta moita organización e déixanse demasiados aspectos á improvisación e ao presuposto dos centros, que teñen a responsabilidade de artellar todo cunhas medidas sanitarias demasiado no aire", censura desde a federación Anpas Galegas o seu presidente, Fernando Lacaci, quen achaca á Consellaría a falta de protocolos "moito máis claros e pormenorizados".

Sen apoiar unha volta indiscriminada ás aulas, en Anpas admiten "a necesidade das familias do alumnado que se presenta ás probas de ABAU dunha atención específica", mais censuran o "nivel de improvisación". "O que se lle vén dicir aos centros é 'defendédevos como poidades e facede como vos cadre", critica Lacaci.

Sindicatos como a CIG advirten tamén que as medidas organizativas da Consellaría de Educación "desbotan todo o esforzo realizado pola comunidade educativa para a implantación da teleformación, incluída a recente adaptación das programacións didácticas" e avogan por que, de non se manter a teledocencia, sexa o criterio docente o que determine a presencialidade do alumnado nos centro.

"O profesorado que teña que atender a docencia presencial vai ter que desatender a teledocencia", observa o secretario nacional de ensino da CIG, Suso Bermello, en consonancia coas críticas de UXT, que, como sinala a responsábel de ensino Paula Carreiro, tamén cuestiona como o profesorado vai poder estar na clase e, ao tempo, atendendo o alumnado que opta por non incoporarse e o de outras etapas educativas. Segundo observa Bermello, menos de 5% do total do profesorado galego imparte de forma exclusiva segundo de Bacharelato.   

O profesorado poderá manter a teledocencia por conciliación ou risco para a saúde

A Consellaría de Educación si admitiu onte unha modificación a petición dos sindicatos, que ten a ver co profesorado vulnerábel ao coronavirus. Fronte á previsión inicial, estas docentes non terán que retornar aos centros en espera de que se lles conceda a exención do traballo presencial.

Educación admite tamén que, por cuestións de conciliación, profesorado con descendencia menor de 12 anos ou con diversidade, ou que teña persoas maiores ao cargo, poida eludir a volta aos institutos neste curso, como tamén reclamaban as forzas sindicais. A ollos da secretaria de ensino de CCOO, Luz López, esta ampliación dos supostos nos que o profesorado pode manter a teledocencia "deixa patente a necesidade de que a Xunta cubra as baixas e as ausencias", máxime ante a inminencia das ABAU.