A Xunta defende que o profesorado imparta materias nas que non está especializado

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universitaria nunha foto de arquivo. Imaxe: Xunta

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, responde ás críticas da CIG-Ensino que revelaron que case un terzo do persoal docente con destino provisional impartirá materias diferentes ás da súa especialidade o próximo curso.

O goberno galego respondeu a denuncia realizada pola CIG-Ensino a respeito da crecente precarización laboral no profesorado e dos efectos desta na calidade do ensino público. Fíxoo por boca do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que en declaracións aos medios de comunicación defendeu como algo “absolutamente normal” que case un terzo do profesorado se vexa obrigado a impartir materias diferentes ás da súa especialidade. Rodríguez negou que tal situación vai en detrimento da calidade educativa e defendeu a medida alegando que en moitos casos se trata de “materias afíns”.  “Un profesor de matemáticas pode dar física e química e viceversa, porque é moi próxima á súa formación”, defendeu. 

 

Segundo datos ofrecidos pola CIG-Ensino, 1.195 das e dos 4.250 docentes –isto é, o 28%--con destino provisional en institutos de ensino secundario, de FP, escolas oficiais de idiomas ou ensinanzas de réxime especial que haberá no curso 2017/2018, van ter que impartir unha ou dúas materias afíns, e en moitos casos ámbitos propios da formación profisional básica e dos programas de mellora de aprendizaxe e rendemento da ESO. Unha cifra ue, alertan, elevarase cando se coñeza a adxudicación definitiva de prazas no mes de setembro, por non se incluíren as suprimidas polo fechamento de centros nin as interinaxes excluídas por erros da adxudicación. 

 

O conselleiro non fixo referencia ningunha a outros aspectos denunciados pola federación educativa da CIG, como o alargamento da xornada lectiva de 18 a 20h, o continuado retallamento do cadro docente, a masificación de aulas ou o  feito de que o 60%  do profesorado con destino provisional sexa interino. Circunstancias que, para a central nacionalista, inciden nunha maior precariedade das e dos docentes do ensino pública.