Un de cada catro profesores provisionais de secundaria imparten materias das que non son especialistas

CIG-Ensino elabora un estudo sobre a adxudiciación de destinos provisionais que conclúe que hai un aumento na provisionalidade no ensino público ao tempo que empeoran as condicións de traballo do profesorado 

O destino provisional dos corpos docentes do ensino secundario realizado pola Consellería de Educación son, para CIG-Ensino, un novo exemplo de “precarización do traballo” deste profesorado. O sindicato chega esta conclusión após estudar as adxudicacións de destinos, e considera que este que comeza en setembro “vai ser un novo curso con peores condicións de traballo para aquel profesorado que non ten destino definitivo”. Así, informa, 28% do profesorado con destino provisional nos IES e outros centros de FP, EOI ou ensinanzas de réxime especial impartirá no curso 2017/18 materias das que non é especialista mentres se incrementa o número total do colectivo.

 

Ademais, lembra o sindicato, a ampliación de 18 a 20 horas lectivas desde o curso 2010, así como “os continuos recortes nos cadros docentes” implican que haxa profesorado itinerante compartindo dous centros ou compatibilizando esas itinerancias coa impartición de afíns. Iso, “xunto coa masificación en moitas aulas, o peche doutras ou a negativa a autorizar desdobres ou aulas máis reducidas para atender mellor nas necesidades de apoio específico do alumnado”, leva a unha perda da calidade educativa e a un empeoramento das condicións de traballo do profesorado.

 

A CIG-Ensino ven de remitir un escrito á Consellaría cunha listaxe de adxudicacións que considera que deben ser revisadas antes da adxudicación definitiva de setembro.

 

Inestabilidade

 

Un 60% do profesorado con destino provisional é interino (762 interinos e 1.774 substitutos) e 797 son funcionariado de carreira que non obtiveron aínda destino definitivo, levando algunhas persoas até 10 anos nesta situación. “Un claro exemplo da denuncia que como CIG-Ensino vimos facendo desde o ano 2010 co recorte de prazas nas oposicións”. O sindicato urxe a Consellería de Educación a tomar medidas para incrementar os cadros de persoal e mellorar as condicións de traballo e a calidade do propio sistema educativo.

 

“Os case oitocentos docentes en expectativa de destino dos corpos de secundaria teñen dereito a que a administración educativa poña fin á provisionalidade á que se ven atados.  A situación no canto de mellorar, empeora cada curso. Este ano o profesorado en expectativa incrementou en 25% ao respecto do curso 2016/17”.