A Xunta decreta a prealerta por seca na conca do río Anllóns e mantena no río Lérez

Unha imaxe do observatorio ornitolóxico no esteiro do Anllóns. (Foto: Rede Galega Rural Vivo) #ruralvivo #eçolica #eólicos #parqueeólico #anllóns #pondal #esteiro #enerxía
Aliás, a Administración galega fará seguimento da situación dos encoros de Baiona e Zamáns.

A Xunta da Galiza estendeu na tarde desta quinta feira a prealerta por escaseza de auga á conca do río Anllóns, ademais de mantela na do río Lérez. Aliás, a Administración galega fará seguimento da situación dos encoros de Baiona e Zamáns.

A directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, presidiu a reunión da Oficina Técnica da Seca na que se tomou esta decisión, e na que tamén participaron membros de Protección Civil, Meteogaliza e a Consellaría do Medio Rural.

Acordaron manter a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galiza-Costa e analizouse a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica dos distintos leitos da Demarcación, "confirmándose a continuidade da anomalía hidrolóxica que se advirte desde principios de ano".

No que respecta á meteoroloxía, o mes de xullo foi moi seco e as previsións para agosto indican falta de precipitacións. A este respecto, detallan que os caudais circulantes rexistraron en xullo valores inferiores aos habituais para esta época do ano, 34,4% por baixo da media do últimos dez anos. En xullo, ese valor era 20% inferior.

En canto á ocupación actual dos encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, a 1 de agosto era de 82,81%, 11% inferior á ocupación do mesmo período para o ano 2021. En xeral, os encoros rexistran valores de ocupación inferiores aos niveis medios para esta época.

Prealerta por escaseza

Na reunión tamén se tratou a activación da prealerta por escaseza de auga na zona correspondente ao sistema de explotación do río Anllóns e á costa coruñesa até o límite con Arteixo. A iniciativa foi tomada após analizar os datos da estación de aforo do río Anllóns, que mostran un drástico descenso dos caudais no último mes, e polas previsións de falta de choivas a curto e medio prazo.

Sobre o río Lérez, a Xunta e os concellos da contorna acordaron reducir o consumo de auga e afrontar o episodio con información, coordinación e responsabilidade.

Neste contexto, o Goberno galego traballa no estudo de solucións alternativas para realizar achegas de auga ao río Lérez. Entre elas, a análise da auga do oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, para confirmar se cumpre os requisitos de calidade para achegar caudal ao Lérez.