A Xunta declara a seca prolongada nas concas das rías da Coruña e Betanzos

Reunión esta segunda feira da Oficina Técnica da Seca (Foto: Xunta da Galiza).
Desde o 21 de xullo permanece activada a prelaerta por escaseza de auga -mide o nivel de risco no abastecemento en función das reservas dispoñíbeis- nos sistemas do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na conca do río Anllóns e a costa da Coruña até o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona.

A Xunta declarou a situación de seca prolongada nas concas das rías da Coruña e de Betanzos, así como nos sistemas de abastecemento das comarcas de Ferrolterra e A Mariña ante a falta de choivas nestas zonas.

Así o acordou a Oficina Técnica da Seca do Executivo galego, que estivo presidida polo xerente de Augas da Galiza, Gonzalo Mosqueira, e á que acudiron técnicos deste organismo, así como representantes das Consellarías de Sanidade e Medio Rural, Meteogaliza e Protección Civil.

En concreto, a reunión declarou a seca prolongada en nove dos 19 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, que é de competencia galega, tal e como informa o Goberno galego nun comunicado.

Isto afecta os seguintes sistemas: río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Cedeira; río Sor, ría Santa Marta de Ortigueira e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma; e ría de Ribadeo.

A decisión adoptouse tras avaliar a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galiza-Costa. Así, constatouse que as precipitacións do mes de xullo sufriron unha “anomalía” media de 43% inferior aos valores considerados normais.

Prealerta

A maiores, desde o 21 de xullo permanece activada a prelaerta por escaseza -mide o nivel de risco no abastecemento en función das reservas dispoñíbeis- nos sistemas do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na conca do río Anllóns e a costa da Coruña até o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona.

Sobre o futuro máis próximo, a Oficina da Seca da Xunta asegurou que tivo en conta que as previsións falan dun agosto de "precipitacións escasas" e que, igual que o pasado xullo, algunhas zonas poderían sufrir un déficit de choivas que faría diminuír os caudais medios circulantes. Por isto mesmo o organismo técnico mantén a prealerta por escaseza ou "escaseza moderada".

A situación de seca prolongada e a prealerta por escaseza son medidas preventivas que se adoptan para buscar a anticipación, un maior seguimento e prevención ante un posíbel episodio próximo de escaseza de auga, así como a toma en conciencia para facer un consumo responsábel da auga.

Esta situación implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galiza-Costa, así como das posíbeis incidencias que se deriven. Todo iso xunto con medidas de concienciación dirixidas á cidadanía.