Cabanas exixe á Xunta “claridade” na xestión da situación do Río Eume

Imaxe do Eume o 6 de outubro, xornada na que a Policía Local de Pontedeume alertou a Augas da Galiza (Imaxe: Colectivo Terra).
"Que se investigue a responsabilidade de Endesa”

A área de Medio Ambiente do Concello de Cabanas dirixiuse a Augas de Galiza para solicitar que lle sexan comunicados os resultados de todas análises de auga realizadas no Río Eume durante a crise medioambiental, así como que se fagan probas para analizar a presenza de metais e sólidos tanto nas augas do río coma nos lodos aflorados no encoro.

Ante a “falta de información” por parte da Xunta, o Concello exixe “claridade total” na xestión da crise medioambiental, e que o expediente anunciado pola conselleira de medio ambiente Ethel Vázquez “na súa visita á zona n(da que o Concello de Cabanas non foi informado) sexa unha investigación rigorosa que permita aclarar as orixes dos verquidos e a responsabilidade de Endesa nun novo caso de contaminación do Río Eume”.

“A prohibición do consumo de auga en Pontedeume é só a punta do iceberg dun problema ambiental moito máis grave e de maior calado”, apuntou Iago Varela, tenente alcalde de Cabanas e responsábel da área de Medio Ambiente, quen tamén advertiu de que “o pouso dos sedimentos dos verquidos podería acabar co banco marisqueiro da marisma de Cabanas – Pontedeume”.

Abastecemento

O Concello lembra que o municipio estase abastecendo exclusivamente de augas do río Ventín na represa de Fonfría.