A Xunta debe 918 millóns as empresas adxudicatarias do hospital Álvaro Cunqueiro

Vista do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Foto: Sergas).

A Xerencia da área sanitaria de Vigo conmemorou onte o sétimo aniversario da inauguración do hospital Álvaro Cunqueiro. A obra e unha parte da xestión foron adxudicadas a unha unión temporal de empresas (UTE) liderada por Acciona e polo grupo Puentes, presentando un importante sobreprezo final. A Xunta da Galiza acumula a día de hoxe unha débeda por esta actuación de 918,19 millóns de euros.

As dúbidas pairan sobre o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo desde o momento en que foi adxudicada a súa construción e xestión, das que se encargou a UTE Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A., conformada pola empresa madrileña Acciona, propiedade da familia Entrecanales, titular de 43% do capital, a chinesa Puentes, propietaria de 23%, a francesa Veolia, dona de 17% e a, tamén madrileña Concessia, con 17% das participacións.

O capital da mercantil mudou en diferentes ocasións desde a súa constitución. Á volta de novembro de 2020, Acciona desprendeuse do seu capital, vendendo as súas accións por 484 millóns de euros á compañía francesa Meridiam, titular da xestora de investimentos Bestinver. Uns meses antes, en xullo de 2019, Concessia desfíxose da súa participación, adquirida polo fondo luxemburgués River Rock, especializado na xestión de infraestruturas levantadas pola fórmula público-privada.

Incumprimentos na obra

As obras finalmente executadas non se corresponderon co proxecto licitado polo Goberno galego. A este respecto, en 2016, o economista, auditor e avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública Antón Beiras sinalou a Sermos Galiza, que o hospital contaba con 620 camas e 11 quirófanos menos dos previstos. Así, o centro sanitario dispón de 845 camas fronte ás 1.465 iniciais e 24 quirófanos, malia estar contemplados no proxecto 35. Outro tanto aconteceu coa propia estrutura do edificio, reducida en 15.423 metros cadrados.

A Xunta da Galiza recorreu á colaboración público-privada para desenvolver a actuación. A fórmula escollida implicou, segundo o economista Beiras Cal, un incremento do custo para o Goberno galego de 216 millóns de euros. Na mesma liña, denunciou que "o tufo a contubernio nepótico, a escuro chanchullo e a capitalismo de amiguetes é tal que a parte da sociedade civil xa clama polo rescate da concesión". Ao tempo, este mecanismo permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda pública, que no caso de contabilizar as obras executadas pola vía público-privada alcanzaría a finais de 2021 un total de 14.406 millóns de euros.

O prezo do hospital situouse en 1.444 millóns de euros. A este respecto, o economista Albino Prada advertiu da "posta en servizo" dun hospital público, como o Cunqueiro en Vigo, "dentro dun edificio privado polo que se paga cada mes un alugueiro multimillonario". "Ao  final o custo duplica o prezo de pagalo con débeda pública", acrecentou.

O Goberno galego debe á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A 918,19 millóns de euros. De feito, este mesmo 2022 ten que efectuar pagamentos á empresa titular do Álvaro Cunqueiro por unha contía de 76,4 millóns de euros. Asemade, a débeda non estará saldada até 2035.