A Xunta da Galiza notifica por SMS que non hai fondos para as axudas de aluguer solicitadas en 2022

Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

Concedeu 5.253 axudas e só puido pagar 4.094

A Xunta da Galiza, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, notificou esta semana a mozos e mozas que solicitaron axudas do Programa Bono Aluguer Mocidade en 2022 que se esgotaron os fondos para estes apoios.

En concreto, como avanzou a Cadea Ser, o Executivo galego mandou mensaxes de texto aos solicitantes que quedaron fóra das axudas nos que informa de que o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou a pasada terza feira, día 16 de abril, a resolución pola que se notifica aos interesados e ás interesadas a denegación da subvención.

A pesar de que as axudas foron solicitadas en 2022, fontes da Xunta consultadas por Europa Press explicaron que a resolución publicada polo DOG a pasada terza feira concluíu o proceso porque se tratou de aproveitar ao máximo os fondos liberados polas renuncias ou incumprimentos dos solicitantes iniciais.

Deste xeito, apuntaron que a Xunta concedeu un total de 5.253 axudas no marco deste programa que facilita o acceso á vivenda da mocidade cunha subvención de 250 euros mensuais por un prazo de dous anos.

As axudas foron convocadas o 30 de xuño de 2022 cun prazo de solicitude até outubro dese mesmo ano e un importe de 22.800.000 euros. "En decembro de 2022 empezáronse a conceder e comunicar estas axudas aos interesados e ás interesadas. O certo é que a mediados de xaneiro de 2023 estaban xa concedidas todas as axudas do Programa: un total de 4.094, esgotándose xa entón o crédito", apuntou a Xunta.

Unha vez que os beneficiairios e as beneficiarias presentaron os recibos e a documentación requirida, o 17 de febreiro de 2023 empezáronse a pagar as axudas que foran concedidas. Con todo, estas fontes indicaron que, nos meses seguintes, comprobouse que parte dos beneficiarios das mesmas ou ben renunciaban á axuda ou ben non xustificaban o pago do aluguer, o que supuña a perda da subvención por incumprimento do deber de xustificar o pago.

A Xunta sinalou que, cos fondos liberados por esas renuncias e incumprimentos, decidiu continuar concedendo axudas aos solicitantes que inicialmente quedaran excluídos co obxectivo de non perder eses fondos. Para iso, apuntou que, ao longo de 2023 realizáronse novas concesións que finalizaron o pasado mes de novembro.

Así as cousas, o Executivo galego indicou que as axudas concedidas cos fondos recuperados entre febreiro e novembro de 2023 foron 1.159, polo que o número total ascendeu a 5.253. "Por tanto, a realidade é que a Xunta concedeu todas as axudas, esgotando o crédito entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023", apuntou para indicar que a resolución da terza feira "concluíu o proceso" no que se tentaron "aproveitar ao máximo os fondos dispoñíbeis".

Críticas do delegado do Goberno español e a oposición

Respecto diso, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, sostivo que o Executivo estatal transferiu á Xunta case 23 millóns para este bono, co que beneficia a máis de 3.800 persoas. "Agora a Xunta di que se acabaron os fondos. Teno fácil. Que complete os investimentos con fondos propios", sostivo o delegado, que asegura que a Administración galega ten "recursos e as competencias" para facelo pero lembra que para iso "é necesario vontade política".

"Unha das maiores preocupacións dos galegos e galegas é o acceso á vivenda. Sobre todo nas persoas máis novas. As administracións debemos estar á altura", sinalou nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social 'X'.

Críticas de BNG e PSdeG

Preguntada respecto diso, a deputada do BNG Noa Presas criticou que a Xunta se escude en que "os fondos son doutra Administración" como, segundo dixo, xa ocorreu con outras ordes de axuda.

Todo iso, dixo, esquecendo que "ten competencias en materia de política social e vivenda", unha capacidade de autogoberno que se pode empregar para suplementar axudas, como se fai no caso do bono eléctrico ou para crear axudas propias e propostas no ámbito da vivenda. "Pero xa vimos cal era o seu compromiso despois destes 15 anos do PP coa vivenda pública e co acceso da mocidade: cero", manifestou.

Pola súa banda, o parlamentario do PSdeG Julio Abalde sostivo que os mozos e as mozas necesitan axudas para poder acceder a unha vivenda e que a Xunta ten a obriga de responder os compromisos adquiridos con este colectivo. "Paréceme unha falta de respecto cara á mocidade por parte do Goberno galego", indicou.