Sanidade pública

A Xunta da Galiza fechou 31 consultorios locais de Atención Primaria, a maioría en zonas rurais

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado 12 de xaneiro. (Foto: Europa Press).

Máis de 33% de consultorios locais de Atención Primaria existentes antes da chegada de Núñez Feixoo á Xunta da Galiza (marzo de 2009) foron fechados, a maioría en espazos rurais. O escaso investimento neste nivel sanitario, con Galiza situada na cola do Estado, está a xerar un empeoramento da calidade asistencial.

O centro de saúde da Ribeira de Piquín (comarca de Meira) permanece sen persoal médico a práctica totalidade do ano desde 2020. Segundo sinala a Nós Diario o alcalde deste municipio, o socialista Roberto Fernández, “non sabemos nunca cando imos contar con facultativo nin tampouco o persoal de Enfermaría do centro coñece estes datos”. A este respecto, apunta que “só hai médico nas datas próximas ás eleccións, o que obriga a poboación a acudir ás Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) en Lugo”.

Fernández lembra que “a situación é semellante á doutros concellos que só contan cunha ou dúas prazas de médicos nos seus centros de saúde”. Nesta dirección, indica que “outro tanto acontece en concellos doutras comarcas como A Pontenova (A Mariña) ou Xermade (A Terra Chá), onde as baixas do facultativo non son cubertas, ficando a poboación deses municipios sen atención sanitaria”. Ao tempo, destaca como noutras localidades só hai asistencia médica algúns días da semana, como acontece en Negueira da Muñiz (comarca da Fonsagrada), onde só contan con prestación un día.

A situación repítese noutras áreas sanitarias da Galiza. Sen ir máis lonxe, no concello da Teixeira (Terra de Caldelas), a poboación carece de atención sanitaria a xornada completa desde hai anos. Neste punto, o alcalde da localidade, o nacionalista Xosé Vázquez sinala a Nós Diario que “cando o médico da Teixeira falta, sexa por baixa ou vacacións, vén cubrir a súa praza durante dúas horas o médico de Parada de Sil e, outro tanto, acontece canda falta o médico de Parada, que vai cubrilo o da Teixeira”. Precisamente, nesta comarca a falta de medios humanos ten obrigado en datas recentes a deixar sen asistencia o centro de saúde do veciño concello de Montederramo.

Os consultorios de Primaria fechados

Os recortes de persoal médico en Atención Primaria déixanse notar con espacial incidencia nos consultorios locais. A este respecto, a voceira do colectivo A Voz da Sanidade de Cangas do Morrazo, Carmen Nores, indica a Nós Diario que “o consultorio do Hío leva tres anos fechado, obrigando os máis de 2.000 veciños e veciñas desta parroquia a desprazarse á de Aldán para recibir a prestación sanitaria”. Destaca que “está situación está a provocar o colapso en Aldán, xa que os médicos deste consultorio deben atender a máis de 5.000 persoas”.

A situación do Hio é análoga á da gran maioría dos consultorios locais de Atención Primaria da Galiza. Malia que o Goberno galego procedeu nos últimos meses á apertura dalgúns deles, como o de Corrubedo en Ribeira (O Barbanza) ou de Goián en Tomiño (Baixo Miño), estes casos representan unha excepción. Así, por exemplo, na área sanitaria de Lugo, a veciñanza de Nadela, no concello de Lugo, leva tres anos mobilizándose para recuperar a asistencia médica. Na mesma liña, os consultorios locais de Cabo de Cruz en Boiro e Taragoña en Rianxo (ambos do Barbanza), dependentes da área sanitaria de Compostela- O Barbanza, permanecen fechados sen perspectiva de apertura.

A pandemia como excusa

A pandemia do coronavirus foi "aproveitada" polo Goberno galego para deixar sen actividade os 65 consultorios de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Segundo as cifras fornecidas polo Ministerio de Sanidade para 2021, último anos con datos, a área sanitaria da Coruña-Cee conta con 12 consultorios locais, a de Compostela-O Barbanza con 13, a de Ferrol con 5, a área sanitaria de Lugo con 11, a ourensá con 7, a área de Pontevedra-O Salnés con 9 e área de Vigo con 8.

A práctica totalidade dos consultorios locais da Galiza non contan con actividade desde 2020. Mentres a Consellaría de Sanidade, consultada por Nós Diario, non ofrece datos sobre o número destas unidades de Atención Primaria actualmente operativas, desde SOS Sanidade Pública apuntan a este medio que só arredor de 20% das mesmas volveron á normalidade desde a parada imposta hai perto de catro anos. Nun sentido semellante maniféstanse as forzas da oposición parlamentaria, que lamentan que o Executivo galego leve rexeitando iniciativas para a apertura destes centros ao longo de toda a lexislatura.

Con todo, o proceso de desmantelamento dos consultorios locais é anterior á pandemia. Se á volta de 2009, ano da chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta, a Galiza declaraba 96 centros deste tipo dentro da súa rede de Atención Primaria, ao remate do ano 2021 só contaba con 65.

Neste sentido, en só 12 anos o Goberno galego de Feixoo e Rueda fechou 33,3% destes centros, obrigando as usuarias e usuarios a recibir prestación noutras unidades sanitarias cuxa presión asistencial se ten incrementado de forma considerábel. A maiores, a decisión non foi acompañada dun reforzo do persoal naqueles centros de saúde que absorberon doentes dos consultorios locais.


A Galiza fica á cola do Estado en consultorios de Primaria

Galiza é a comunidade do Estado cun menor número de consultorios locais. O seu escaso nivel de desenvolvemento é explicado polos colectivos en defensa da sanidade pública como unha mostra da falta de preocupación da Administración pola atención sanitaria da poboación do rural, onde residen arredor de 27,7% dos galegos e das galegas. Asemade, choca co criterio asistencial básico de achegar os servizos de saúde á cidadanía co obxectivo de facelos máis accesíbeis, un principio recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e mesmo recoñecido pola propia lexislación  sanitaria.

O feche dos consultorios locais e a progresiva perda de prestacións nos centros de saúde das áreas rurais e vilegas enmárcase no proxecto da Xunta da Galiza de concentrar os servizos de saúde nos grandes núcleos urbanos e nas cabeceiras de comarca. A este respecto, o propio conselleiro de Sanidade, Javier García Comesaña, negocia co Consello Galego de Médicos, órgano de representación dos colexios profesionais, a posta en marcha deste modelo. Neste punto, uns e outros apostan por un novo mapa de centros de saúde, tal é como adiantou en decembro de 2022 o presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago.