A Xunta da Galiza eliminou 763 camas nos hospitais galegos desde o ano 2009
A Galiza ficou sen 763 camas hospitalarias desde 2009. Segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE), o país contaba nesa anualidade -en que o PP retornou á Presidencia da Xunta con Alberto Núñez Feixoo- con 10.581 camas hospitalarias, reducíndose en 2022 a 9.818. Neste sentido, a caída de prazas na atención especializada dáse de forma xeneralizada nas sete áreas sanitarias.
A inhabilitación de camas pódese seguir na totalidade das áreas sanitarias, mais é máis acusada naquelas localidades onde os hospitais públicas deben competir cos centros privados. Así, a redución de camas hospitalarias na área sanitaria da Coruña-Cee é de 133, centradas na súa totalidade nos centros da Coruña. Outro tanto acontece na área sanitaria de Compostela-O Barbanza cunha perda de 84 prazas, todas elas nos hospitais da capital da Galiza.
A mesma tendencia obsérvase no resto das áreas sanitarias galegas. Así, en Ferrol ficaron inoperativas 120 camas e en Vigo, 139. Ademais, a área pontevedresa perdeu 97 prazas, todas no hospital de Montecelo, gañando o hospital do Salnés 47. A área ourensá quedou sen 68 prazas hospitalarias, malia incrementar o número de camas médicas os hospitais de Valdeorras e Verín. Neste sentido, Lugo é a única área sanitaria da Galiza que declara máis camas hospitalarias que en 2009.
Os hospitais galegos perderon camas hospitalarias de forma continuada desde 2009. A oferta reduciuse desde ese ano en 7,2%, baixo o argumento de que as necesidades destes útiles son inferiores polos novos modelos asistenciais. Porén, as explicacións da Xunta da Galiza non convencen os colectivos en defensa da sanidade pública, que retrucan que mentres manteñen sen actividade as camas dos hospitais públicos derivan doentes á sanidade privada.
A ratio de camas por habitantes sitúase na Galiza por baixo da media comunitaria e dos niveis dos países con sistemas de saúde máis desenvolvidos. Malia que a Galiza presenta unha porcentaxe mellor que o Estado español -que rexistra a peor de toda a Unión Europea (UE)-, os seus números fican moi lonxe dos estándares recomendados.
Así, en 2021, o Sergas contaba cunha media de 3,3 camas por cada 1.000 habitantes, fronte ás 3,4 camas de media de Portugal, as 4,2 de Grecia, as 5,6 de Bélxica, as 6 de Francia ou as 8 de Alemaña. Na mesma liña, presenta unha proporción moito menor que Estados con grandes apostas en materia de saúde, como Rusia, con 8,2 camas por 1.000 habitantes, ou Cuba, con 11,4.
A redución da cobertura de camas hospitalarias é consecuencia dunha decisión das autoridades públicas. A este respecto, son significativas as palabras do anterior conselleiro de Sanidade no Goberno de Núñez Feixoo, Jesús Vázquez Almuíña, quen nun pleno do Parlamento da Galiza en xuño de 2016 sinalou que “as camas son importantes nos hoteis, pero non tanto nos hospitais”, para explicar a redución de prazas hospitalarias no Servizo Galego de Saúde. A repercusión das declaracións e a reacción da oposición obrigou o responsábel político a matizar as súas opinións.
O dogma neoliberal
O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, pon de manifesto en declaracións a Nós Diario que “repetidamente nos últimos anos por parte dos Gobernos neoliberais xustifícase o descenso do número de camas hospitalarias afirmando que non son importantes no proceso asistencial.
Porén, ao abeiro desta explicación estase levando a cabo un importante recorte nos servizos sanitarios”. Neste sentido, evidencia a contradición entre “defender a redución de camas hospitalarias e manter as listas de agarda nos niveis actuais”.
Martín considera que esta formulación “non se corresponde á realidade e ás necesidades asistenciais”. É importante, di, "contar cun número folgado de camas para prestar unha boa atención e responder ás continxencias que poden xurdir. Todos os anos, os hospitais galegos están saturados nas tempadas da gripe”, continúa Martín, quen afirma que “tras o discurso de reducir camas está a intención de recortar na pública e concertar coa privada”.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) expresouse nuns termos semellantes a mediados de 2021. Así, naquela altura, consideraba o número de camas hospitalarias como “un eixo central para responder á situación de pandemias e garantir en situacións de normalidade uns estándares de calidade básicos”.
Nesta orientación, a OMS aseguraba que “a pandemia da Covid-19 deixou en evidencia a importancia de contar cun sistema de saúde cunha cobertura suficiente de camas hospitalarias e de prazas de Unidade de Coidados Intensivos (UCI)”.
Os indicadores de calidade
Os facultativos consultados por Nós Diario destacan a relevancia destas dotacións para a calidade da prestación asistencial. Nesta liña, entenden que o número de camas dun sistema de saúde é un dos indicadores máis fiábeis para medir a súa calidade e capacidade de resposta.
Unha porcentaxe elevada de camas por número de habitantes identifica unha sanidade ben organizada e cos recursos debidos para prestar unha atención axeitada a súa poboación. Nesta dirección, lembran a importancia de contar con recursos materiais suficientes para poder enfrontar as diversas realidades sanitarias.