Sanidade pública

A Xunta deixa 2.500 crianzas no Condado sen pediatra: "Hai un plan premeditado para desmantelar a sanidade pública"

Mobilización nesta terza feira en Salvaterra de Miño (O Condado) contra os recortes na Atención Primaria. (Foto: Javier Viéitez).

Salvaterra de Miño, no Condado, acolleu na terza feira feira unha protesta para reclamar a volta da asistencia pediátrica ao centro de saúde da localidade. E esta cuarta feira, as mobilizacións en defensa da sanidade pública chegan ao veciño concello de Mondariz (tamén no Condado) e na quinta feira sairán á rúa en Covelo (A Paradanta). A Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado e A Paradanta entende que só a mobilización social pode reverter a situación.

1.256 crianzas do concello de Salvaterra de Miño, na comarca do Condado, veñen de ficar sen pediatra. Malia que o centro de saúde da localidade conta cunha praza desta especialidade, a mesma fica vacante tras lograr o profesional que a atendía un cambio de destino. Neste contexto, os responsábeis do Goberno galego teñen manifestado a súa intención de non cubrir este servizo, sendo o seu obxectivo prestalo con persoal non especializado.

 "A intención da Xunta da Galiza é suprimir esta especialidade e atendela cun facultativo cun curso de puericultura”, sostén en declaracións a Nós Diario a portavoz municipal do BNG en Salvaterra de Miño, Patricia Mariño. Afirma que “os responsábeis do Servizo Galego de Saúde (Sergas) non dubidan en comunicarnos en conversas mantidas con eles que un modelo de asistencia ás crianzas baseado nos pediatras non é posíbel”.

A falta de pediatras

A situación é semellante noutros concellos da zona como A Caniza, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario. Estes tres municipios, que contan cunha poboación menor de 14 anos de 1.183 persoas, carecen, tamén, de servizo de Pediatría, véndose obrigados os seus proxenitores a trasladarse coas súas crianzas ao servizo de urxencias do hospital vigués Álvaro Cunqueiro para recibir a prestación sanitaria. Hoxe a veciñanza mobilizouse en Salvaterra para reclamar a recuperación do servizo de Pediatría.

A asistencia pediátrica é tamén precaria noutras localidades das comarcas do Condado e A Paradanta. Así, o concello de Arbo só dispón deste servizo dous días á semana, As Neves debe partillalo e Ponteareas padece importantes recortes. A este respecto, o voceiro da Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado e A Paradanta, Xurxo Porrit, sinala a Nós Diario que “os pais e nais deste comarca teñen que marchar cada pouco ás urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro cos seus fillos e fillas”.

Porrit explica que os recortes en materia de prestación pediátrica son unha mostra máis do deterioro da sanidade pública na zona. Neste sentido, denuncia que “puxeron o raposo a gobernar o galiñeiro e non se cobren as baixas de persoal sanitario, cando xa contamos con menos persoal facultativo do que nos corresponde polo número de habitantes”. Asemade, entende que “hai un plan premeditado para desmantelar a sanidade pública, co obxectivo de que non funcione, para desviar xente á privada, con intención de engrosar este negocio”.

Sen facultativo asignado

O estado da asistencia sanitaria na zona é unha das primeiras preocupación dos residentes. Sen ir máis lonxe, na capitalidade da comarca do Condado, en Ponteareas, máis de 5.000 persoas carecen de facultativo asignado, sendo o tempo medio de espera para unha consulta co médico de cabaceira dun mes. A maiores, nesa localidade permanecen vacantes 33% das prazas médicas.

Os tempos de agarda

Os períodos de agarda para conseguir unha cita médica son moi elevados en toda a zona. Así, a veciñanza da Caniza debe esperar entre sete e dez días para unha consulta co seu médico de cabeceira, a de Arbo seis días, a das Neves unha semana e a de Mondariz dúas. A situación é especialmente problemática en Crecente, onde o centro de saúde permanece fechado en diferentes períodos pola negativa do Goberno galego a cubrir a baixa do único facultativo do centro de saúde da localidade.

O voceiro da Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado e A Paradanta considera que “se os usuarios e as usuarias da sanidade non se mobilizan e se os Concellos como non protestan, imos quedar sen sanidade pública en poucos anos”. Aliás, lembra o deterioro da calidade asistencia na última década e critica “as condicións laborais do persoal”, que provoca o seu éxodo cara a outros territorios.