A Xunta dá por estabilizado o incendio de Monforte, o maior deste verán e que continúa activo

Imaxe: BRIF Tabuyo

Desde a madrugada da quinta feira houbo na Galiza 23 focos. A primeira vaga de lumes do verán queimou máis de 500 hectáreas, sendo os de Monforte e Porto do Son os máis importantes. En Sardiñeiro (Fisterra) un incendio orixinado nas últimas horas afecta xa 40 hectáreas.

Pasada a medianoite a Xunta daba por estabilizado o incendio de Monforte, un lume que en poucas horas devorou 350 hectáreas (estimación provisional) e que obrigou cortar ao tráfico varias vías, así como evacuar vivendas en puntos concretos (Vide en Monforte e Mañente en Pantón) polo perigo da proximidade das lapas. O forte vento de nordés, que as previsións apuntan que se vai manter na Galiza nestes días, foi o propagador máis eficaz deste incendio, que obrigou a intervir a un amplo operativo: aé 13 helicópteros e 4 hidroavións combatiron o lume, así como 22 brigadas, 5 axentes, 2 técnicos. O incendio está estabilizado mais non extinguido.

O outro punto de importancia está en Porto do Son, onde o incendio afectou máis de 80 hectáreas e tamén se achegou a núcleos poboados. Continúa activo. Na Barbanza houbo a quinta feira varios lumes, en Noia e Boiro.

En Lobeira, no Xurés, o lume arrasou máis de 50 hectáreas. O incendio continúa activo. O foco de Cenlle, na comarca do Ribeiro, está controlado, após calcinar 40 Has.

A primeira vaga de incendios na Galiza, con 23 focos desde a madrugada da quinta feira, queimou máis de 500 hectáreas, segundo as primeiras estimacións. Unha xornada na que Galiza está en risco extremo de incendios.

Fisterra

Nas últimas horas tivo lugar un novo incendio, desta volta na parroquia de Sardiñeiro, en Fisterra, que xa calcinou 40 hectáreas.