A Xunta dá 7 días aos centros de ensino para deseñar horarios ‘on line’ que activar ante corentenas

(Foto: Europa Press)

O conselleiro de Educación recoñece que este plan, previsto para 3º de Primaria en diante, servirá tamén para un confinamento xeral.

Os centros educativos públicos e concertados terán unha semana, a partir dunha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galiza (DOG) de forma "inminente", para adaptar os seus horarios a un plan de docencia non presencial.

Este activarase para 3º de Primaria e os cursos seguintes no caso de que se decrete a corentena dunha aula, un colexio completo ou da poboación en xeral pola pandemia do coronavirus.

Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa para presentar a folla de ruta de ensino virtual ante a Covid-19 elaborado pola Xunta.

Trátase, en palabras do conselleiro, dun documento que pretende "regularizar, ordenar e estruturar o ensino a distancia" destinada para aquelas aulas e centros que teñan que confinarse. "O obxectivo principal é que a crise sanitaria non derive, en ningún caso, nunha crise educativa", resumiu.

"Ante un escenario de pandemia que pode prolongarse no tempo, as familias deben saber que, no caso de que os seus fillos deban quedar en casa nalgún momento por confinamentos de maior ou menor duración, van contar cun plan de ensino virtual, completo, con horarios definidos, clases e tarefas organizadas, que se suma ás medidas xa en marcha", continuou Rodríguez.

"Horario espello"

Una das principais novidades que introduce o plan é a elaboración do que o conselleiro denominou "horarios espello": unha programación adaptada ao modelo telemático que deberá seguir un esquema o máis "semellante" posíbel ao ensino presencial. "Aínda que obviamente será diferente", recoñeceu.

De feito, este horario terá que respectar os descansos dos alumnos e as cargas lectivas de cada materia, cunha distribución que terá un mínimo do 60% de docencia virtual e o 40% restante para tarefas e actividades por parte do estudante. Tamén se establecerá unha sesión de titoría para os alumnos e outra para as familias.

O horario adaptado deberá estar preparado e enviado tanto ás familias como á Xunta nun prazo dunha semana a partir da publicación dunha resolución no DOG, o cal será de forma "inminente.

Para impartir as clases, o profesorado -desde o seu domicilio ou desde o propio centro- contará coa plataforma de videoconferencia institucional xa dispoñíbel, que permite unha interacción "a tempo real", segundo lembrou o conselleiro; e disporá da tradicional aula virtual, que se configura como "un espazo dixital de traballo" para organizar os contidos.

Ademais, Román Rodríguez explicou que o plan da Xunta contén instrucións a seguir para que os profesores poidan controlar a asistencia diariamente e avaliar ao alumnado en base a "uns contidos concretos".

Neste sentido, o secretario xeral de Educación lembrou que os centros xa teñen "un plan de continxencia" no que "teñen que contemplarse a programación de cada unha das materias". "Practicamente nada vai cambiar, máis que a metodoloxía", que será 'online', afirmou José Luís Mira.

Así, tal e como establece o plan, será a dirección do centro -a través da xefatura de estudos- a que requirirá ao final de cada semana unha relación daquelas actividades que realizou o profesorado en base a ese 'horario espello'. Mentres tanto, o orientador velará polo cumprimento do plan de atención á diversidade e coordinará a vixilancia do alumnado con necesidades educativas especiais.