Os casos activos nos centros educativos galegos superan o millar

Aula adecuada ao inicio do curso na Covid-19 ((Europa Press)

Os centros de ensino e escolas infantís galegas superan por primeira vez o millar de casos de coronavirus desde o inicio do curso. Suman, segundo os datos facilitados polo Sergas este sábado, 1.086, tras 85 novos contaxios nas últimas 24 horas. 

 

En total, 51 aulas están en corentena pola incidencia da Covid-19, catro máis que na sexta feira, e continúan fechados o Punto de Atención á Infancia de Boborás e a escola infantil Golfiños de Lugo, tras unha semana de aumento continuado no número de casos

A área de Vigo, que ao longo dos últimos días foi incrementando de forma sostida a incidencia do virus, sitúase á cabeza nos contaxios do ámbito educativo. Presenta 272 positivos , entre alumnado e persoal docente, e mantén fechadas una ducia de aulas.

Nesta área sanitaria, o CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo e o CPR Plurilingüe Lareira de Mos, con 12 persoas afectadas en cada caso, son os máis afectados do país.

A área da Coruña, con 173 positivos (+16 con respecto ao día anterior) e seis aulas fechadas, e a de Compostela, con 153 casos (+8) e catro unidades clausuradas, son as seguintes localidades con maior incidencia. Esta última conta cun importante número de casos no CPR Plurilingüe Compañía de María, que concentra oito, e no CEIP Pío XII e o CPR Plurilingüe La Salle, con sete en cada caso.

Tamén destacan a escola infantil Cativos de Conxo, con dous positivos e tres aulas fechadas, e a escola municipal A Magdalena de Ames, con cinco contaxios e unha aula clausurada.

A de Ferrol é outra área na que soben os positivos relacionados con centros de ensino, até os 115 (+4), aínda que as clases clausuradas continúan sendo seis.

Na área de Lugo, que suma desde onte 19 casos activos, até os 122, ten suspendidas as clases en seis unidades, ademais da escola infantil fechada por cinco positivos.

En Pontevedra os positivos ascenderon nas últimas horas até os 126, que manteñen sete clases pechadas. O principal foco está no CPR Plurilingüe Sacro Corazón de Jesús, da Boa Vila, con nove contaxios.

Pola súa banda, Ourense é a única área que baixa no total de casos activos de coronavirus, ata o 125-–un menos–, aínda que as aulas en corentena mantéñense en oito.

Nesta área sanitaria destacan os seis positivos do CPR María Inmaculada de Verín, outros tanto no PAI de Boborás –escola infantil fechada– e os cinco do CPR Plurilingüe A Purísima ourensán.