A Xunta cubrirá 100% dos custos na reparación das casas queimadas até 122.000 euros, se son primeiras residencias

Casas afectadas pola vaga de incendios. (Foto: Europa Pres)
Cando sexan segundas vivendas cubrirase até 61.200 euros.

A Xunta de Goberno do Executivo galego aprobou un decreto que habilita as Consellarías afectadas para comezar a traballar nas distintas convocatorias de axudas destinadas á poboación que sufririu a vaga de incendios que afecta a Galiza desde a pasada quinta feira.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que estas axudas terán o foco posto, en primeiro termo, naquelas persoas que viron destruídas ou moi danadas as súas vivendas.

Aínda que non se coñecerá o detalle definitivo destas convocatorias até previsibelmente a vindeira semana, Rueda avanzou que a Xunta estará en condicións de cubrir 100% dos custos de reconstruír as vivendas afectadas polo lume até 122.000 euros, sempre que sexan primeira residencia.

Se o inmóbel destruído é unha segunda vivenda, o máximo que se cubrirá ascenderá até 61.200 euros. Estas axudas serán compatíbeis cos seguros de fogar e subvencións que poidan pór en marcha outras administracións, como o Estado español ou os Concellos afectados.

O presidente galego afirmou tamén que as axudas cubrirán outros ámbitos. Habilitarase crédito para reparar estabelecementos comerciais ou afrontar os gastos de explotacións agrícolas e instalacións municipais afectadas, como poden ser as traídas de auga.