A vaga de lumes que afecta a Galiza desde a pasada quinta feira continúa sen control tras arrasar unhas 30.000 hectáreas. Os dous incendios principais, no Courel e Valdeorras, rexistran xa unhas cifras históricas, por enriba das 10.000 hectáreas calcinadas cada un.
Segundo a última información da Consellaría do Medio Rural ás 13.30 horas desta quinta feira, o noso país conta con catro focos por enriba do milleiro de hectáreas.
O lume chega ao concello de Ourense
Aliás, segundo vén de informar a Consellaría, contra as 17.05 horas principiou un incendio forestal na parroquia de Canedo, no municipio de Ourense, que aínda segue activo. Traballan na súa extinción tres motobombas, dúas brigadas e un axente.
O Courel e Valdeorras
Os dous incendios que máis preocupan agora mesmo son, precisamente, o de Folgoso do Courel e A Pobra de Brollón, que afecta xa máis de 10.500 hectáreas; é o de Carballeda de Valdeorras, que afecta os concellos veciños do Barco e Rubiá, ademais de varias poboacións en León, e que tamén arrasou 10.500 hectáreas.
Estes dous lumes teñen, ademais, activada a Situación 2 pola proximidade das lapas ás vivendas. En concreto, aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal (Folgoso do Courel) e Busto (A Pobra do Brollón); así como ao de Candeda, en Carballeda. En León, o incendio de Valdeorras motivou tamén o desaloxo de dous núcleos en Puente Domingo Flórez.
Aliás, no concello de Folgoso do Courel hai activo outro lume, iniciado na parroquia de Seceda e que queimou xa unhas 1.100 hectáreas, coa Situación 2 de alerta activada pola súa proximidade ao núcleo de Gamiz.
Vilariño de Conso e Oímbra
O outro gran incendio activo agora mesmo é o de Vilariño de Conso. Especialmente preocupante é a situación na parroquia de Pradoalbar, na que xa hai 5.200 hectáreas queimadas, principalmente no Parque Natural do Invernadoiro.
Por outra parte, o municipio de Oímbra conta con tres incendios que entraron de Portugal. Dous deles, en Videferre (600 hectáreas) e San Cibrao (400 hectáreas), foron estabilizados, segundo a Xunta, nas últimas horas, mais seguen sen estar controlados. O terceiro foco, en Rabal, continúa activo tras queimar 1.800 hectáreas.
Resto de incendios
A lista de incendios en Galicia complétase con outra media ducia de focos. O de Rodeiro, na parroquia de Guillar está controlado despois de calcinar 200 hectáreas.
No concello de Cervantes hai dous lumes, o do Castro, que está controlado e queimou perto de 20 hectáreas, e o de Cereixedo, estabilizado e con 65 hectáreas. En Quiroga, o lume de Outeiro está controlado, con 250 hectáreas, e o de Nocedo está estabilizado, con 15 hectáreas.
A eles súmanse os incendios controlados en Pas, na parroquia de Ramil (375 hectáreas), e en Antas de Ulla, na parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, con 40 hectáreas calcinadas.
A esta superficie hai que engadir 619 hectáreas de terreo arrasado por incendios que Medio Rural notificou como extinguidos nos últimos días.