Só para persoas non residentes no país

A Xunta contrata unha empresa madrileña para dar un seguro 'todo incluído' a turistas

Dúas peregrinas fotografándose á súa chegada a Compostela o pasado 26 de xuño. (Foto: Arxina).
Todas as persoas de fóra da Galiza que este verán visiten o país contarán cun seguro de asistencia médica gratuíto que cubrirá calquera incidencia durante a súa viaxe, non só as derivadas da Covid-19. A Xunta adxudicou o contrato a unha aseguradora madrileña por 1,4 millóns de euros até febreiro de 2022, un período prorrogábel por outros nove meses, co que a contía ascendería a 2,5 millóns.

Na súa aposta por promover Galiza como un "destino seguro" para viaxantes procedentes de calquera outro territorio, a Xunta adxudicou o pasado maio o "seguro de asistencia en viaxe" á empresa aseguradora multinacional Europ Assistance SA (sucursal en España), con domicilio social en Madrid.

Con esta iniciativa, delegada no sector privado, o Goberno de Alberto Núñez Feixoo sufraga de forma indirecta, desde xuño, os custos derivados da asistencia hospitalaria a todo aquel turista ou peregrino que non resida en territorio galego. O seguro actívase automaticamente ao se aloxar nun estabelecemento regrado na Galiza, e é completamente de balde coa única condición de que o viaxeiro non tivese contraído a Covid-19 antes de pisar territorio galego ou accedese estando desaconsellado ou prohibido polas autoridades sanitarias do seu país de orixe.

O contrato está dotado dunha partida inicial de 1,4 millóns de euros, con vixencia até o 28 de febreiro de 2022, mais a partir desa data podería prorrogarse por outros nove meses —de o acordaren de mutuo acordo ambas as partes— sumando outro millón de euros, polo que a contía total roldaría os 2,5 millóns.

Cobertura alén da Covid

Segundo figura nos pregos do contrato, a aseguradora comprométese a cubrir todos os "gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización por accidente e enfermidade, incluída a Covid-19", isto é, abrangue os custos da asistencia médica alén de contraer o coronavirus. A contía, no rango máis alto de cobertura, chegaría aos 5.000 euros, dos cales os 100 primeiros correrían a conta da persoa visitante.

Tamén se fai cargo da prolongación obrigada da estadía da ou do turista por mor dunha corentena, até un máximo de dez días e un montante de 1.000 euros, dos que, novamente, a persoa afectada debería abonar os 50 primeiros euros.

Aliás, inclúe os gastos derivados da repatriación sanitaria e falecemento pola Covid-19 até un máximo de 15.000 euros.

Cómpre salientar, así mesmo, que a Xunta reserva no contrato unha partida de 110.000 euros para dar publicidade ao 'seguro Covid' a través dos medios de comunicación, 70.000 dos cales están destinados a emisoras de radio galegas e edicións dixitais de xornais do país, a pesar de que as persoas residentes na Galiza non pode acceder a este servizo.

Os turistas non computan como positivos na Galiza

Como xa informara nesta terza feira Nós Diario, as persoas viaxantes de alén da Galiza que dan positivo nas probas de detección da Covid-19 non computan nas estatísticas oficiais da Xunta nos respectivos municipios.

A xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e membro do Comité Clínico, Marina Varela, resta importancia a esta cuestión: "O problema non se soluciona con dar as persoas que veñen de fóra; cos casos de residentes na Galiza, que son o groso dos contaxios, xa vemos que hai un aumento", argumenta.

Varela admite que o control "nunca é exacto nin aquí nin noutros lugares", mais afirma que "xa se está a controlar aos turistas". Porén, hoxe o Goberno galego unicamente exixe aos procedentes de territorios cunha alta incidencia da Covid-19 —do Estado español ou doutros países— cubrir un formulario cos seus datos de contacto.

Pola súa banda, o médico especialista en Análises Clínicas Luis Vázquez apunta que, se ben quedaría "o comido polo servido" polos positivos de galegos fóra do país, todos os contaxios "deberían computarse no lugar onde se detecten". "Se vés pasar varios días de vacacións e dás positivo, seguramente te contaxiaches aquí e deberías computar como un caso autóctono", engade.

Unha situación "preocupante"

Ante o constante incremento de casos experimentado nas últimas datas, o doutor Vázquez advirte: "Malia que os hospitais teñen agora unha carga mínima e a letalidade reduciuse a 0,05%, volvemos saturar a Atención Primaria, e isto pode ser perigoso porque, se xa estaba a ter problemas, nos meses de verán pode ser aínda peor porque moitos profesionais collen vacacións".

A este respecto, cre que a Galiza podería volver sufrir un aumento das restricións nas vindeiras datas: "A taxa de positividade rolda 10%, se non controlamos a expansión do virus podemos pasar un verán moi malo", sostén, e matiza que a 'man dura' nas medidas de control da pandemia "non ten por que pagalas de novo a hostalaría".

Tamén a doutora Varela ve o aumento da incidencia como un "motivo de preocupación". "Hai un claro aumento na Galiza, mais sobre todo en sectores da poboación aínda non vacinados, como foi o caso do surto de Mallorca", afirma.