Sanidade prohibe as xuntanzas de máis de dez persoas na Galiza

Actividade de artesanía en Boborás. (Concello de Boborás)
O comité clínico de persoas expertas recomendou confinar os concellos de O Carballiño, Boborás, O Irixo e Verín. As restricións entrarán en vigor na medianoite desta quinta feira.

Tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares, a Consellaría de Sanidade acordou na tarde de onte prohibir as reunións en toda Galiza, tanto as públicas como as privadas, a un máximo de dez persoas.

Comunicouno na noite da terza feira a proposta do comité clínico que fai seguimento da evolución da Covid-19. A medida, que se publicará hoxe no Diario Oficial da Galiza (DOG), entrará en vigor desde as 00 horas da quinta feira, día 15 de outubro.

Alén de limitar as xuntanzas a dez persoas en todo o territorio, a Consellaría de Sanidade acordou fechar os concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, como xa fixera a semana pasada co de Ourense e o de Barbadás.

Desta maneira, fica estabelecida unha mobilidade perimetral entre os concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, polo que as súas e os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles excepto por motivos laborais, educativos ou sanitarios.

“O comité considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posíbel, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona”, afirmou a Consellaría nun comunicado enviado aos medios de comunicación.

Aumenta as restricións en Verín

Por outra banda, a Xunta da Galiza decidiu elevar ao nivel tres de restrición o concello de Verín, no que seguen as limitacións de xuntanzas a grupos de conviventes. Bares e cafeterías, informa Sanidade, limitaranse a atender nas terrazas a grupos de persoas conviventes e os restaurantes poden servir tamén no interior, cunha capacidade limitada ao 50%.

Ademais entra en nivel dous a comarca de Celanova. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación da capacidade ao 50% nos estabelecementos comerciais, de restauración e hostalaría -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros, así como a redución das capacidades en celebracións, velorios e lugares de culto.