Os porqués de que a COVID-19 golpee máis as residencias privadas que as públicas

Un vehículo dunha funeraria saíndo da residencia Porta do Camiño, en Compostela, unha das habilitadas pola Xunta de Galiza para acoller usuarios e usuarias de centros de maiores do norte do territorio galego coa COVID-19 (Imaxe: Arxina).
Os datos non deixan lugar a dúbidas. As residencias de titularidade ou xestión privada concentran a maioría dos casos de coronavirus na Galiza. Debullamos as causas.

A Xunta da Galiza entregou a atención das persoas maiores ás empresas privadas. Á volta de abril de 2019, Galiza dispoñía de 21.179 prazas nos centros de maiores, 77,2% das mesmas eran de xestión privada e 22,8% de xestión pública, unha porcentaxe moi por baixo da media estatal e que colocaba o país nos postos da cola da prestación de servizos de carácter público.

Ao tempo, o número de prazas totais situábase por baixo das recomendacións de institucións internacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) e tamén do conxunto do Estado. Así, a OMS recomenda cinco prazas residenciais por cada cen persoas maiores de 65 anos. Na Galiza a cifra atópase en 3,1 postos de media e só 1,1 cuarto subvencionado pola Xunta. No conxunto do Estado español, a media é de 4,21 prazas residenciais.

Un informe publicado recentemente polo Imserso e analizado pola Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, evidencia que os territorios do Estado español con maior necesidade de prazas residenciais para poder cumprir coas recomendacións da OMS son Andalucía (27.981); Comunitat Valenciana (20.844); Galiza (14.858); Murcia (8.264) e Catalunya (8.038).

Domus Vi e San Rosendo, as máis afectadas

DomusVi e a Fundación San Rosendo son os principais operadores privados de residencias da Galiza e concentran a maioría de persoas infectadas por coronavirus dos centros de maiores. Destacan, para DomusVi, as cifras de contaxio das súas instalacións do Barreiro, en Vigo; de Aldán, en Cangas, e de San Lázaro, en Compostela, que encabeza a lista de falecementos na Galiza. No caso da Fundación San Rosendo é significativa a situación da residencia Nosa Señora da Esperanza, de Ourense, cun importante número de falecidas, 11, segundo os datos fornecidos pola Xunta de Galiza, e contaxiadas no seu persoal e usuarias.

O médico e portavoz da Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, Francisco Vizoso, non ten dúbidas ao redor das causas de maior mortaldade por coronavirus nas residencias privadas. "Está relacionado coa maior precariedade de persoal das residencias privadas. Os centros públicos son máis exixentes cos estándares de persoal, mentres as privadas sáltanos sen ningún tipo de pudor. Os casos máis graves prodúcense precisamente naqueles xeriátricos de propiedade privada, como poden ser DomusVi do Barreiro ou de Aldán, onde non se ten en conta ningún criterio obrigatorio para os centros públicos", sinala Vizoso.

"A maiores, estes centros son moi grandes. O tamaño óptimo para os seus modelos de negocio están por riba das 150 prazas, algo que favorece a aglomeración de usuarias e usuarios e que crea unhas condicións que favorecen a extensión da doenza", comenta Vizoso en declaracións a Nós Diario. "Os grandes operadores privados do sector das residencias non buscan o benestar das residentes, senón os beneficios, mesmo poñendo en risco a calidade asistencial, tal é como estamos comprobando nestes días", conclúe.

Espazos "hostaleiros"

O xornalista Paulino Campos é portavoz do colectivo de familiares da residencia de DomusVi do Barreiro. "É necesario revisar a normativa en materia de residencias, pois parece máis pensada para regular espazos hostaleiros que centros xeriátricos, pero sobre todo cómpre obrigar as residencias privadas a aumentar o persoal. Boa parte das queixas que temos presentado á Xunta da Galiza é precisamente por isto, xa que a falla de traballadoras leva moito tempo provocando graves problemas. A ausencia de persoal é unha das principais eivas que atopamos nos centros de xestión privada e que impiden unha atención axeitada", concreta en conversa con Nós Diario.

Xoán Carlos Ansia responsabiliza a busca do lucro a ese diferente comportamento entre os centros públicos e privados diante da epidemia do coronavirus. Gobernante do xeriátrico público da Volta do Castro, en Compostela, e delegado sindical da CIG, Ansia denuncia, en declaracións a Nós Diario, a "conivencia entre o poder político e a patronal das residencias".

"Eu creo que a conselleira de Política Social, Fabiola García, debería estar nestes momentos comparecendo no xulgado de garda, non sei se esposada ou non, pero declarando perante o xuíz por presunta conduta criminal e que despois pasase por ese mesmo xulgado Alberto Nuñez Feixoo, por presunta colaboración necesaria nas mortes que teñen ocorrido por coronavirus nas residencias da terceira idade", afirma.

"O problema en Compostela son as residencias privadas", sinala a Nós Diario Javier Quián, voceiro do colectivo de familiares da residencia de DomusVi de San Lázaro na capital da Galiza. "No xeriátrico de San Lázaro hai moita precariedade. Agora tentan cubrir as baixas do persoal infectado polo coronavirus con mozos e mozas sen experiencia previa e que están aínda en proceso de formación. A directora do centro non foi dilixente diante do coronavirus e non tomou as medidas de protección debidas. A falta de humanidade na residencia de DomusVi de San Lázaro é evidente", pon de manifesto.

As reclamacións das familias das usuarias sobre o funcionamento das residencias non atoparon ningún tipo de resposta por parte da Administración galega. A este respecto, Javier Quián sinala: "Mandei un montón de queixas á Inspección e das enviadas no mes de novembro aínda non recibín ningún tipo de contestación". Nun sentido semellante, téñense manifestado os colectivos de familiares das residentes que operan noutras localidades galegas.