Contar con 2.130,04 €, motivo para excluír solicitantes da Risga

[Imaxe Roberto Solano]

ODS-Coia denuncia o caso de dous perceptores aos que a Xunta lles denegou a axuda ou se lles descontou a contía da que dispuñan no banco.

 

Coincidindo coa renovación anual da Renda de inserción social de Galiza (Risga) a administración galega está a solicitar ás persoas perceptoras certificados bancarios nos que se documente o diñeiro que posúen nas súas contas bancarias. 

Neste senso, explican desde a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, "a disposición transitoria segunda da Lei 10/2013, de 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, dispón que, mentres non se aprobe o decreto de desenvolvemento --que tiña que estar aprobado como moi tarde en xuño do ano pasado-- consideraranse como medios económicos a computar da unidade familiar os saldos bancarios superiores a catro mensualidades do IPREM, isto é, 2.130,04 €". 

Así pois, en virtude desta disposición, "a Xunta está a considerar que ter na conta bancaria unha cantidade líquida superior a eses 2.130,04 € supón, de maneira automática, sen máis consideracións, contar con “recursos económicos que permiten a subsistencia”". 

ODS-Coia denuncia que o acontecido é "unha proba máis da arbitrariedade" da Xunta e da "miseria" da súa "política social"

As alarmas do colectivo saltaron após o acontecido con dous perceptores. A un deles extinguíuselle o cobro da axuda "alegando que non declarou tal extremo no momento da solicitude e amparándose no artigo 46.e) que recolle como causa de extinción do dereito á percepción da RISGA o feito de ter falseado ou ocultado datos para poder obter dita prestación", sinalan. Pola súa banda, unha outra persoa viu recortada a súa Risga en proporción aos aforros cos que contaba. 

"Estase a considerar ese saldo bancario como ingreso computable a efectos do disposto no artigo 21 da Lei que sinala que o importe que percibirá cada persoa beneficiaria virá constituído pola diferencia entre a contía mensual da renda que lle correspondería e o dos recursos económicos dos que dispoña, establecendo como importe mínimo do tramo persoal e familiar o 25% do IPREM mensual (133,13 €)", apuntan desde ODS-Coia. 

Para a Oficina de Dereitos Sociais o proceder da Xunta de Galiza supón "unha proba máis da arbitrariedade das solucións para casos moi similares, da restrición crecente nos dereitos das beneficiarias, da limitación de acceso ao dereito á RISGA, do control exhaustivo das perceptoras, en definitiva, da miseria da política social" do goberno galego.