A peregrinaxe administrativa para non quedar sen auga

ODS-Coia denuncia o caso dunha veciña de Vigo á que o concello obriga a agardar, cando menos, un mes perante un inminente corte do suministro.

 

Ana [nome fiticio] acudiu a segunda feira até os servizos sociais do Concello de Vigo após ter recibido un aviso da Acualia --empresa concesionaria do servizo municipal de auga da cidade-- advertíndolle que lle sería cortado o suministro por impagamento. 

Esta viguesa "fica sen ingresos mentres agarda pola RISGA que ven de solicitar", sinalan desde ODS-Coia. Perante o inminente corte Ana acude aos servizos sociais locais para impedir quedar sen auga. "Alí recibe como resposta aos seus problemas unha cita coa traballadora social para dentro dun mes e os impresos para solicitar unha Axuda de Emerxencia Municipal", explican desde o colectivo. 

Aliás, deberá entregar no rexistro municipal un certificado de pensións da Seguridade Social, o orixinal e unha copia da tarxeta que a identifica como demandante de emprego, o certificado negativo de percepción de prestacións do INEM, orixinal e copia do contrato ou recibo de aluguer e o recibo ou o aviso do corte de auga. Documentación, lembran desde ODS-Coia, que xa foi achegada aos servizos municipais coa solicitude da Risga. 

O Concello de Vigo demora un mes o primeiro encontro de Ana coa traballadora social malia que o corte do suministro é inminente

"A muller ten aberto expediente no departamento de Benestar Social, ao ter cursada a solicitude de RISGA, polo que a morea de papeis que lle esixen para valorar a concesión da axuda xa os teñen no concello", apuntan. 

Esta realidade marcada polas demoras administrativas e unha peregrinaxe burocrática foi denunciada en diversas ocasións polas propias traballadoras sociais municipais. Na entrevista concedida a Sermos Galiza --asinada polo xornalista Cristian López, Erea Martínez, explicaba que as 17 empregadas atenden "17 mil usuarias potencias por traballadora cando o máximo son 8 mil". Máis do duplo. 

En conversa con este xornal, Martínez aseguraba que desde o goberno local de Vigo "queren que prioricemos dentro da miseria, do urxente, o máis urxente". Porén, acrecentaba no número 144 do semanario en papel, "esa persoa o mes seguinte está a pedir outra cita". 

A peregrinaxe burocrática

Desde a Oficina de Dereitos Sociais de Coia denuncian que "seguir os pasos marcados polos servizos sociais, malia ficar sen ingresos, non asegura o dereito a ter subministro de auga".

A Ana exíxenlle achegar, após ter solicitada a Risga, todos os documentos cos que xa contan os servizos sociais municipais

Porén "si asegura", explican, "varias semanas de agarda para coñecer o resultado da solicitude", "un percorrido por diferentes administracións" ao que se lle engade "visitar a copistería para facer as pertinentes fotocopias" para alén da "incerteza de saber que unha necesidade básica como ter auga non está asegurada e que depende de circunstancias tan alleas a unha como que haxa orzamento dispoñible no concello, da valoración profesional que fagan sobre a túa situación, dos criterios non escritos dunha comisión de valoración" e mesmo "da carga de traballo da traballadora social". 

A realidade que atinxe Ana non lle é exclusiva. Erea Martínez explicaba a comezos do mes de maio que a situación social en Vigo "é máis grave do que se percibe. Na maioría dos casos a xente malvive". En boa medida, sinalaba porque "non ai un proxecto de intervención, de seguimento, de inserción real" que combata as causas do empobrecemento social. 

Desde ODS-Coia exixen "o dereito a vivir con dignidade a través da posta en marcha da Renda Básica das iguais e doutras medidas que aseguren o dereito a unha vida plena para todas as persoas" pois coidan que se está a "facer negocio coas nosas necesidades" através de políticas "mierábeis" baseadas "na caridade".