A Xunta condecora o director xeral de Emerxencias polo incendio no Barbanza que os comuneiros levaron á Fiscalía

Bombeiros traballando no incendio do Barbanza. (Foto: Arxina)

O Goberno galego publicou a orde pola que se conceden varias condecoracións e distincións honoríficas a axentes da unidade do corpo da Policía nacional adscrita á comunidade e a outras persoas que colaboraron de forma destacada nun operativo. Nesta ocasión, a maioría de distincións están vinculadas coa colaboración durante os grandes incendios do pasado verán.

Precisamente, entre os que reciben unha distinción honorífica está o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; así como o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo; e o técnico de operacións e coordinador do Grupo de Apoio Loxístico dá Axencia Galega de Emerxencias.

A orde, que subscribe o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, outorga, ademais, a Cruz de Prata ao mérito policial e os dispositivos de permanencia.

Fontes do departamento autonómico sinalaron que se distingue Santiago Villanueva a proposta do Sindicato Unificado de Policía (SUP) pola colaboración que este, e tamén outro comisario condecorado, tiveron durante o grande incendio rexistrado o pasado verán no Barbanza.

Comuneiros e comuneiras da serra do Barbanza remitiron un escrito á Fiscalía de Medio Ambiente da Galiza en agosto para solicitar que se abrise unha investigación sobre o operativo do grande incendio forestal iniciado na parroquia de Cures, Boiro, o 4 de agosto.

O fogo non se deu por extinguido até o día 12. Arrasou 2.200 hectáreas, após comprometer a seguridade de núcleos de poboación como O Piñeiro ou obrigar ao desaloxo dunhas 700 persoas que pasaban uns días de lecer nun camping de Ribeira que tamén se viu afectado.

"Fóiselles das mans"

As comunidades de montes do Barbanza e da Mancomunidade Serra do Barbanza consideran que a forma na que foi xestionado o operativo antiincendios agravou as consecuencias do lume, activo durante unha semana.