"A Xunta concerta residencias de maiores con narcotraficantes", denuncia o PSdeG

Acceso á residencia de maiores DomusVi de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O partido da oposición critica a política de "abandono de funcións, descoido e ocultación de datos" do Executivo galego respecto aos xeriátricos.

“Narcotraficantes montan residencias concertadas coa Xunta”, así de concretos foron hoxe o viceportavoz do grupo socialista, Pablo Arangüena, e a voceira da área de Política Social, Mariña Ortega, que consideran que o Executivo galego ten unha política sobre os xeriátricos de “abandono de funcións, descoido e ocultación de datos”.

Esta mesma semana o PPdeG lograba frear no Parlamento unha iniciativa para que a Xunta tivera que dar conta pormenorizada das mortes vinculadas coa Covid-19 nestas infraestruturas, mesmo fornecendo listaxes por centros.

Pero ante a negativa e as novas que foron saíndo á luz durante a pandemia -moitas delas publicadas en exclusiva por Nós Diario- o PSdeG reclama unha “investigación exhaustiva” do que aconteceu e tamén quere coñecer como era o sistema de residencias antes de que chegara o virus.

"Hai un problema grave derivado dunha tendencia extrema á privatización dos servizos xeriátricos, que nos sitúa á vangarda de España en privatización, xunto coa comunidade de Madrid", lamentou Arangüena, que sumou a esta realidade o feito de que case non haxa corpo de inspectores para ver que os centros residenciais funcionen correctamente.

Un repaso á hemeroteca

Para apoiar a súa denuncia, os socialistas tiraron de hemeroteca para repasar algúns casos de irregularidades. Tanto é así que declararon que “narcotraficantes internacionais montan residencias de maiores concertadas coa Xunta”.

Desta forma se referiron á infraestrutura de Salvaterra do Miño ou a “residencia dos horrores”, na que o 50% da empresa é dun “antigo fuxitivo da Interpol, preso na actualidade por narcotráfico en Brasil, detivo en 2011 por introducir cocaína en Europa e identificado como líder da rede en Europa dun gran narco colombiano”.

Así mesmo, fixeron alusión á Fundación San Rosendo -responsábel de varias das instalacións que padeceron grandes surtos de coronavirus- porque o seu presidente de honra "é un señor que foi condenado por sentenza firme do Tribunal Supremo a cinco anos de prisión e inhabilitación por estafarlle 600.000 euros a unha señora con alzheimer que residía nun dos seus centros".

Dos cinco anos que tiña que cumprir na cadea, “unicamente cumpriu dous meses”, algo que ligan ás “vantaxes de ter contactos no ceo e no PP”.

O PSOE galego tampouco se esqueceu das polémicas que rodearon á compañía DomusVi, onde houbo “denuncias reiteradas por impoñer unhas condicións laborais de semi escravitude e por unha mala alimentación para aforrar custos até o punto de provocar casos de desnutrición", ademais de "por non cumprir os cocientes de persoal".

"Nunca son sancionados porque están en conivencia coa Xunta", criticou o viceportavoz, que afeou que o interese máximo da Xunta en termos globais sexa “facer a vista gorda ante o que acontece” nas residencias.