A Xunta cede o transporte público a colexios de titularidade privada en Verín

A Xunta defende o uso do transporte público por parte de centros de ensino privados (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Administración escúdase en que a súa misión é "promover o uso do transporte público por parte de toda a cidadanía e fomentar o aproveitamento dos recursos públicos".

A CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector, vén de denunciar esta segunda feira que a xefatura territorial de Educación da Xunta da Galiza en Ourense "nutre de alumnado o ensino privado empregando o transporte escolar público".

Nun comunicado de prensa, a CIG lamenta o "evidente trato de favor" do Goberno galego aos centros privados concertados, "que levan máis de 333 millóns de euros nos orzamentos de 2022" —14,5% dos fondos totais destinados á ensinanza non universitaria, tal e como xa informou Nós Diario—.

"Como se isto non fose suficiente, a titular de Educación en Ourense permite que o colexio privado concertado de Verín, o CPR María Inmaculada, dispoña do transporte escolar público, que lle leva a moito alumnado ás portas do centro", critica o sindicato.

Este "uso ilícito", segundo a CIG-Ensino, "está a provocar que centros públicos, que si teñen dereito ao transporte escolar, vexan minguada a súa matrícula". Isto podería desencadear, afirma, no "fechamento de aulas públicas alegando falta de alumnado, o que leva consigo tamén a supresión de postos de traballo docentes nos centros públicos".

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro Saavedra, consultado polo sindicato a este respecto, defendeu nun escrito —enviado dous meses após recibir a solicitude da CIG— que o organismo que el propio dirixe "promove, como non pode ser doutra maneira, o uso do transporte público por parte de toda a cidadanía e fomenta o aproveitamento dos recursos públicos".

No que atinxe á alteración da ruta do transporte escolar, afirmou: "A empresa concesionaria solicitou no mes de outubro a súa incorporación nas liñas que dan servizo aos centros escolares públicos da contorna, pois estima unha demanda que pode chegar aos 60 viaxeiros".

"Esta actuación está a prexudicar ao ensino público, hai todos os anos problemas no transporte polas liñas cando se trata de recoller alumnado de parroquias afastadas como aconteceu recentemente no Bolo, os horarios dos centros están condicionados por este transporte, os problemas ou non se solucionan ou se fai tarde e despois de moitas reclamacións; porén, para o centro privado María Inmaculada todo foi axilidade para acrecentar o seu beneficio, que é o beneficio, do ensino privado", responde a CIG-Ensino.