A Xunta causa danos a unha poboación de carballo anano

Monte de San Cibrán, en Carnota. (Foto: Adega)
Adega critica os traballos forestais no Pindo

Adega anunciou onte os danos causados a numerosos exemplares de carballo anano (Quercus lusitanicus), unha especie ameazada, por traballos forestais no monte de San Cibrán, en Carnota (comarca de Muros), na Rede Natura 2000 do Monte Pindo

Unha poboación desta especie localizada perto da aldea de San Cibrán foi recentemente rozada durante a realización de labores forestais da Xunta. Adega denunciou que, como resultado, numerosos exemplares de carballo anano resultaron danados e algúns pés mesmo foron eliminados.

Desde a asociación explican que na área de aparcamento de San Cibrán localízase unha das poboacións máis numerosas e facilmente accesíbeis desta especie ameazada. Precisamente nesta zona é onde os danos ao carballo anano foron maiores, "derramando o importante atractivo turístico e científico deste recurso natural", aseguraron.

O carballo anano, ou carballo añón, foi descuberto no Pindo en 1971 por Manuel Laínz. No ano 2008, Adega propuxo a súa inclusión no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coa categoría de "vulnerábel". O decreto de inclusión desta especie de carballo publicouse finalmente en 2011.

Desde entón, "e a pesar de que por lei as especies ameazadas deben contar cun Plan de Conservación con medidas para garantir a súa viabilidade ecolóxica, a Xunta segue sen presentar ningunha proposta 12 anos despois", critica Adega.

As "neglixencias" da Xunta

A asociación lamentou que as Consellarías de Medio Rural e de Medio Ambiente, "que debían coñecer a localización exacta da especie", sosteñen en Adega, "non tiveran en conta a súa presenza á hora de acometer os traballos de roza e limpeza preventiva contra os lumes. O acontecido "exemplifica a falta de interese da actual Administración galega pola conservación do patrimonio natural máis senlleiro" do país. 

Nesta liña, criticaron que Medio Rural, Consellaría da que dependen estas rozas, actuara dentro dun espazo protexido da Rede Natura 2000 sen o coidado preciso. "E Medio Ambiente tampouco se interesou en comunicar aos servizos forestais as precaucións necesarias para non danar o carballo anano", engadiron.

Este caso "lamentábel" evidencia as consecuencias da "política permisiva e de rebaixas lexislativas continuas" levadas a cabo pola Xunta co Rede Natura 2000, concluíron.