A presión popular fai recuar a Xunta: o proxecto de Corcoesto, cancelado

Após a paralización de xullo, o Goberno galego recuou en agosto dicindo que recibira 2.000 folios de documentación "moi importante" remitida pola empresa Edgewater, adxudicataria da explotación. Agora Economía e Industria anuncia que está a ultimar unha resolución que deixará o proxecto gardado nunha gaveta e Feijóo anunciou a cancelación no Parlamento galego.


O proxecto para explotar a ceo aberto unha mina de ouro en Corcoesto agonía. Ou polo menos foi esta a mensaxe que comunicou a consellaría de Economía e Industria, afirmando que está a preparar unha resolución que bote por terra de maneira definitiva os plans que a empresa mineira canadense Edgewater tiña para a comarca e que afectaba os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso.

O seguinte paso da Xunta a respeito desta explotación mineira chegou esta terza feira. As advertenzas da Unión Europea, pedindo explicacións ao Goberno español sobre informes científicos que non foran tomados en consideración para a concesión da DIA --declaración de impacto ambiental--e a presión popular manifestada por activa e por pasiva con mobilizacións nas rúas e informes científicos presentados contra o proxecto, Feijóo anunciou no Parlamento galego --no marco do debate do estado da Nación-- que o proxecto de Corcoesto ficou, en efecto, cancelado "por carecer de solvencia financeira e técnica". Nada di do impacto medioambiental e contra a saúde das persoas; unicamente falou de cartos.

"Este País ten na minaría unha oportunidade, un elemento tractor de crecemento" e que "Galiza sería inxusta consigo mesma" se renunciase a todos os proxectos extractivos, defendeu Feijóo. "Non imos amparar a quen queira investir sen o suficiente compromiso económico", polo que anunciou que a Xunta creará un canon para a actividade mineira como se fixo coa enerxía eólica, advertindo, porén, de que "non caeremos nun ofuscamento negativo" que limitaría, dixo, as "posibilidades económicas" neste sector. 

En xullo, cancelado; en agosto, "proxecto moi importante"

Así as cousas, no mes de xullo a Xunta daba un paso á fronte e paralizaba a explotación mineira argumentando que non existían garantías de abondo para confiar na viabilidade económica do proxecto presentado pola empresa. Malia a presión popular en contra da megaminaría polo impacto que esta actividade tería na contorna e na saúde da poboación, o que preocupaba ao Goberno galego non era o emprego de cianuro para a separación do ouro das rochas senón unicamente a vertente material, os cartos.

Pois ben, se en xullo pechaba a Edgewater as cancelas do monte de Corcoesto, en agosto abriullas outra vez. Desde a Xunta sinalaban que a empresa remitira "documentación moi importante" que estaba a ser analizada á procura de dados que garantisen a solvencia financeira da mina de ouro. Foron máis aló. O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, colocaba a etiqueta de "moi importante" a un proxecto que el propio rexeitara unhas semanas antes. Acrecentou que "require dun estudo pormenorizado, serio e solvente".

As explicacións que agora chegaron desde a consellaría de Economía e Industria volven falar de cartos. De feito, recoñecen que "medioambientalmente, este proxecto era solvente". Con todo, a empresa non deu xuntado o 25% de fondos propios sobre a inversión total do proxecto que presentou, 110 millóns de euros. A respeito dos requerimentos sinalados en xullo, supuña multiplicalos por sesenta até xuntar por volta de 30 millóns.

A decisión da Xunta pode recorrerse, mais non é probábel que Edgewater o faga porque suporía comezar practicamente desde cero coas tramitacións. Segundo comunicou o Goberno galego á mineira canadense, a resolución que se ultima botará abaixo as dúas concesións con que conta agora a mina cabanesa: a declaración de impacto ambiental e aqueloutra que recoñecía este proxecto como "de interese estratéxico", o que acelerou os prazos á hora de recibir os permisos de explotación.